En 2025, 160.000 turistas visitaron Galicia por motivos enogastronómicos, xerando 93,7 millóns de euros

Turismo de Galicia e as Rutas dos Viños avanzan na definición do enoturismo como elemento senlleiro do destino Galicia
reunion-vino-rias-baixas
24 Aug 2026

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, reuniuse hoxe con representantes da Ruta do Viño Rías Baixas, a última dunha rolda de reunións mantidas durante este mes de agosto coas cinco Rutas dos Viños de Galicia -Monterrei, Ribeira Sacra, Ribeiro e Valdeorras-, nas que fixeron balance das actuacións desenvolvidas ao longo deste ano e avanzaron nas principais liñas de traballo para seguir fortalecendo o enoturismo como produto turístico estratéxico nas vindeiras edicións de programas coma Primavera de Portas Abertas, impulsado pola Xunta, entre outras iniciativas.

Durante estes encontros, abordaron a evolución da actividade enoturística, as iniciativas desenvolvidas e as oportunidades para continuar diversificando a oferta galega a través da cultura do viño e os recursos naturais dos territorios vitivinícolas, para así poñer en valor non só o enoturismo e as adegas, senón tamén a paisaxe, a gastronomía, o patrimonio e o conxunto de recursos dos destinos vitivinícolas galegos.

Neste sentido, Xosé Merelles puxo en valor o potencial do enoturismo para desestacionalizar os fluxos turísticos e favorecer unha maior redistribución territorial da actividade. Tamén subliñou que estas reunións permiten identificar oportunidades de mellora e novas vías de colaboración, co obxectivo de consolidar Galicia como un destino enogastronómico de referencia e adaptar a oferta ás novas demandas dos visitantes, para seguir avanzando nun enoturismo que teña como prioridade a sostibilidade e as experiencias vinculadas ao territorio.

Os datos do turismo gastronómico en Galicia amosan a relevancia crecente deste tipo de experiencias. En 2025, preto de 160.000 turistas realizaron viaxes gastronómicos á comunidade, xerando ao redor de 764.000 noites e un gasto que alcanzou os 93,7 millóns de euros. Ademais, este tipo de viaxeiro é especialmente estratéxico dentro do modelo turístico da Xunta pola súa capacidade de gasto. De feito, inverten un 30% máis en restaurantes e outras actividades gastronómicas que os turistas xeneralistas.

No caso específico do enoturismo, o gasto medio diario ascendeu a 201,80 euros por persoa, o que evidencia o importante retorno económico que xera esta actividade nos territorios vitivinícolas.

As reunións tamén permitiron facer balance da XV edición da Primavera de Portas Abertas nas Rutas dos Viños, celebrada durante os pasados meses de maio e xuño. A iniciativa contou coa participación de 91 establecementos, dos que 59 foron adegas, e ofreceu case un centenar de actividades.

O director de Turismo de Galicia destacou tamén o esforzo realizado nos últimos anos para modernizar e renovar a oferta vinculada ao enoturismo, por exemplo a través do Plan Territorial de Sostibilidade Turística en Destino Enogastronomía de Galicia 2023-2025, que mobilizou 34,5 millóns de euros e beneficiou a 80 concellos galegos.

0.33009386062622