Encarna Rodríguez reclama unha resposta coordinada contra a violencia de xénero desde a denuncia ata a prevención da reincidencia

A subdelegada do Goberno participou nunha xornada formativa no Centro de Inserción Social da Coruña na que profesionais dos ámbitos policial, xurídico, psicolóxico e penitenciario analizaron a atención ás vítimas e a intervención con agresores
A CORUÑA subdelegada goberno cis
24 Nov 2026

A coordinación entre os distintos profesionais que interveñen nos casos de violencia de xénero é fundamental para garantir unha atención integral ás vítimas e evitar que as agresións se repitan. Así o destacou este martes a subdelegada do Goberno na Coruña, Encarna Rodríguez, durante a súa participación na xornada formativa 'Intervención multidisciplinar en violencia de género: desde a denuncia ata a prevención da reincidencia', celebrada no Centro de Inserción Social (CIS) Carmela Arias e Díaz de Rábago da Coruña con motivo do 25N.

O encontro reuniu especialistas dos ámbitos policial, xurídico, psicolóxico e penitenciario para abordar as diferentes fases da intervención ante a violencia contra as mulleres. Entre as cuestións tratadas estiveron a detección e a denuncia, a protección e atención ás vítimas, así como o traballo cos agresores e as medidas destinadas a previr a reincidencia.

Rodríguez incidiu en que a resposta institucional non pode limitarse ao momento no que se presenta unha denuncia, senón que debe manterse ao longo de todo o proceso. 'A resposta á violencia contra as mulleres non pode limitarse a un único momento nin a unha única actuación. Comeza coa detección e coa denuncia, continúa coa protección e coa atención ás vítimas, e debe manterse durante todo o proceso para evitar que se repita', sinalou.

A xornada contou coa participación de representantes das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, da Unidade de Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno, de centros de intervención psicolóxica e xurídica e de especialistas no tratamento con agresores e na xestión de penas e medidas alternativas. A presenza destes distintos perfís profesionais permitiu analizar a necesidade de manter unha actuación coordinada entre os servizos que participan na prevención, atención e seguimento dos casos.

Durante o acto, a subdelegada agradeceu á directora do CIS, Carla García Rodríguez, a organización dun programa de actividades arredor do 25N que combina formación, cultura e sensibilización. A iniciativa busca reforzar a implicación do centro na prevención da violencia de xénero e estender a reflexión sobre esta problemática a diferentes ámbitos da sociedade.

A programación comezou o pasado 16 de novembro cun concerto da Orquestra Sinfónica de Galicia e prolongarase ata o vindeiro 3 de decembro, cando está prevista unha visita a Corme para coñecer o taller da Asociación Ilha da Estrela, integrado por redeiras. Rodríguez, natural de Ponteceso, destacou o valor desta actividade para visibilizar o traballo das redeiras e a contribución das mulleres á cultura, á economía e á vida das comunidades costeiras.

A violencia dixital contra as mulleres tamén ocupou un lugar destacado na reflexión arredor do 25N deste ano. Rodríguez advertiu sobre as consecuencias das novas formas de violencia que se producen nas contornas dixitais e lembrou que 'que unha imaxe sexa falsa non significa que o dano que provoca non sexa real'. Neste sentido, defendeu a importancia da prevención, a formación e a sensibilización social para facer fronte a todas as manifestacións da violencia machista.

A subdelegada concluíu agradecendo a implicación dos profesionais participantes e reivindicando o papel de cada recurso e servizo na protección das vítimas e na prevención de novas agresións.

2.0749640464783