Eólica Así Non denuncia na Fiscalía un posible delito de prevaricación polos cambios nas seccións do TSXG

A denuncia toma como referencia o auto da Sección Segunda do Contencioso-Administrativo do TSXG, que desestimou a solicitude de paralización cautelar das autorizacións da liña de evacuación Campelo-Mesón
xuiz-xulgado-xustiza
22 May 2026

Unha vintena de colectivos integrados na Coordinadora Eólica Así Non presentaron unha denuncia diante da Fiscalía para que investigue se a decisión da nova presidenta da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), Azucena Recio, de trasladar os litixios relacionados cos proxectos eólicos da Sección Terceira á Sección Segunda podería ser constitutiva dun delito de prevaricación, segundo o artigo 446 do Código Penal.

Segundo explica a plataforma, o cambio de criterio comezou a aplicarse sen que se modificasen previamente as normas de reparto aprobadas en 2023 e atendendo, sosteñen, aos intereses expresados pola Xunta de Galicia e por empresas do sector eólico nos procedementos relativos ás autorizacións de liñas eléctricas.

A denuncia toma como referencia o auto emitido o pasado mes de abril pola Sección Segunda do Contencioso-Administrativo do TSXG, que desestimou a solicitude de paralización cautelar das autorizacións da liña de evacuación eléctrica Campelo-Mesón. Até ese momento, os procedementos de impugnación relacionados coas autorizacións de liñas eléctricas vinculadas aos parques eólicos eran asignados á Sección Terceira, especializada en materia industrial.

Desde a Coordinadora sosteñen que este cambio de asignación non responde a ningunha modificación previa das normas internas de reparto e lembran que a propia Sección Terceira xa rexeitara anteriormente inhibirse das súas competencias a favor da Sección Segunda, malia as peticións formuladas pola Xunta e polas empresas codemandadas.

Os colectivos consideran que a decisión adoptada pola presidencia da Sala se produciu para atender esas demandas e apuntan ademais que a directora xeral de Enerxías Renovábeis e Cambio Climático da Xunta, Paula Uría, expresou publicamente a súa satisfacción tras o cambio de sección en procedementos xudiciais vinculados a proxectos eólicos e ás súas infraestruturas de evacuación.

A plataforma sitúa esta situación no contexto do debate sobre o modelo eólico en Galicia, no que, segundo sinala, se enfrontan os intereses das promotoras e da administración cos dos colectivos sociais e ambientais que cuestionan o impacto territorial, ambiental e económico destas instalacións.

Desde Eólica Así Non consideran “inadmisíbel” calquera intento de interferencia política no funcionamento da xustiza e acusan ao Goberno galego de buscar facilitar a implantación dun modelo enerxético que, ao seu xuízo, beneficia ás grandes multinacionais sen garantir retornos para o desenvolvemento do territorio.

Tamén critican o que consideran unha contradición política ao lembrar que o Partido Popular cuestiona a nivel estatal posibles inxerencias sobre o poder xudicial mentres, afirman, en Galicia se cuestiona a actuación de maxistrados e maxistradas que aplican a lexislación vixente en asuntos relacionados coa política industrial e enerxética.

A Coordinadora indicou ademais que xa presentara escritos de queixa tanto ante a presidencia do TSXG como ante o Consello Xeral do Poder Xudicial, sen que polo momento recibisen resposta.

Entre os colectivos que formalizaron a denuncia figuran ADEGA, CIG, SLG, FRUGA, ORGACCMM, ACOUGA, Amigas da Terra, Asociación Vento Libre, Asociación Fonte Seca, Asociación Tarabelada, A.C.I.B.A.L., Amil Sen Eólicos e Colectivo do Vento, Ortegal Di Non, Asociación de Veciños e Veciñas do Couzadoiro, Asociación Lobo, Nova Escola Galega, Amigos do Patrimonio de Castroverde e a Asociación Veciñal Agra de Orzán.

0.30172801017761