Ernesto González Seoane entra na Real Academia Galega cunha reflexión sobre o presente e futuro dos dicionarios

O catedrático da USC defende combinar a dimensión normativa dos dicionarios coa descrición do uso real do léxico galego
RAG-Ingreso-Gonzalez-Seoane-2026-2
3 Oct 2026

O filólogo Ernesto González Seoane, natural do Barqueiro e catedrático de Filoloxía Galega e Portuguesa da Universidade de Santiago de Compostela (USC), ingresou este mediodía na Real Academia Galega (RAG) cun discurso centrado na historia da lexicografía galega e universal e nas perspectivas de futuro dos dicionarios do idioma.

Na súa intervención, González Seoane defendeu a necesidade de conciliar a dimensión normativa do dicionario coa lexicografía descritiva, aquela que se ocupa de rexistrar o uso real das palabras. O novo académico advertiu das interpretacións que poden levar a considerar que todo aquilo que non aparece nun dicionario non é galego "correcto".

"Resulta inxenuo pensar que os males que nos afectan como sociedade van evaporarse simplemente porque cambiemos unha definición no dicionario", afirmou. Ao mesmo tempo, considerou igualmente inxenuo entender estas obras como un rexistro completamente neutro, xa que, ao seu xuízo, "ademais de reflectiren a realidade, os dicionarios axudan a construíla".

González Seoane tamén abordou a dimensión política da elaboración dos dicionarios e a súa capacidade para influír nos usos sociais da lingua. Neste sentido, chamou a atención sobre o tratamento que determinadas palabras recibiron historicamente en diferentes obras lexicográficas, especialmente no caso dos etnónimos, que poden aparecer con acepcións pexorativas ou mesmo racistas.

Entre os exemplos mencionados figuraron as polémicas arredor das voces xitano, xudeu ou black en dicionarios de distintas linguas, así como a controversia xerada por algunhas acepcións de gallego no dicionario da Real Academia Española, incorporadas na edición de 2001 e retiradas posteriormente tras as protestas de colectivos e institucións.

O novo académico fixo tamén un percorrido pola evolución histórica dos dicionarios e lembrou o papel que desempeñaron como instrumentos non só de comunicación, senón tamén de construción e cohesión dos Estados. Neste contexto referiuse á aparición das primeiras academias europeas, entre elas a Accademia della Crusca, a Académie Française e a Real Academia Española.

No caso galego, lembrou que a Real Academia Galega naceu en 1906 e que axiña comezou a traballar no seu propio dicionario, publicado entre 1913 e 1928 por fascículos. Segundo explicou, aquel proxecto constitúe "a primeira tentativa de dotar o galego dun repertorio lexicográfico completo, amparado por unha institución académica" e achegou un importante capital simbólico a unha lingua fortemente estigmatizada.

A lexicografía galega mantería durante décadas un modelo de dicionario bilingüe galego-castelán, centrado no léxico diferencial. A mediados dos anos oitenta produciuse un cambio de orientación, ligado ao proceso de codificación e estandarización e á necesidade de modernizar o léxico para ampliar o espazo funcional do galego.

Entre os fitos desa etapa destacou a publicación, a finais dos anos oitenta, do Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega (VOLG), que se converteu nunha obra de referencia e foi empregado como lemario polos dicionarios galegos publicados posteriormente. Entre eles figura o Dicionario da Real Academia Galega, publicado en 1997, precedente da actual versión dixital, posta en marcha en 2012 e actualizada periodicamente.

Unha nova etapa

De cara ao futuro, González Seoane considera que "o futuro da lexicografía será dixital ou non será". O académico aposta por manter a dimensión normativa, pero ao mesmo tempo recuperar o valor da descrición ampla do léxico.

Ao seu xuízo, o abandono do modelo acumulativo contribuíu á difusión do estándar léxico, pero tamén provocou que quedase "un tanto desatendida" a función dos dicionarios como apoio á lectura, ao desaparecer un volume importante de léxico dialectal e literario que non forma parte do estándar.

Por iso, defende que para unha lingua é fundamental "rexistrar e documentar, coa maior amplitude posible, o uso real do léxico a través dun dicionario descritivo". Esta tarefa, engade, sería tamén útil para o desenvolvemento da lexicografía prescritiva.

González Seoane propuxo a elaboración dun novo dicionario descritivo que funcione como unha "auditoría" do léxico recollido nos dicionarios contemporáneos e que permita comprobar canta da información que conteñen existe realmente ou mantén pertinencia na lingua actual.

Na súa intervención tamén reclamou "axuntar esforzos e arrombar personalismos" para abordar tarefas que esixen tempo e recursos. Para o novo académico, resulta especialmente importante garantir unha presenza "digna" do galego no mundo dixital e combinar a ambición nos obxectivos co pragmatismo no deseño do traballo.

A entrada na RAG produciuse no Paraninfo da USC, onde González Seoane estivo acompañado polos dous académicos de máis recente ingreso, Anxo Angueira e Lourenzo Fernández Prieto. O presidente da RAG, Henrique Monteagudo, fíxolle entrega do diploma e da medalla de académico.

O novo numerario ocupa a cadeira que quedara vacante en xaneiro de 2025 polo falecemento de Bernardino Graña. Durante as súas palabras de lembranza, destacou a "grande autenticidade" da obra do poeta do mar e a súa relación coa lingua popular dos mariñeiros.

González Seoane lembrou tamén o académico Federico Maciñeira, natural, coma el, do Barqueiro, e expresou o seu agradecemento aos membros do pleno da RAG pola súa elección. Especialmente emotivas foron as súas palabras dedicadas á súa familia, que definiu como "o máis importante que me pasou na vida".

Na resposta ao discurso, Antón Santamarina confiou en que o novo académico continúe realizando achegas á lingüística galega, tanto no ámbito da gramática como da lexicografía. Tamén sinalou que a súa incorporación será ben recibida no Seminario de Lexicografía e que a súa participación poderá contribuír á actualización do Dicionario.

Santamarina reflexionou ademais sobre a responsabilidade crecente da RAG neste ámbito e apuntou que, por razóns económicas e demográficas, é probable que a institución sexa no futuro "a única fábrica de dicionarios en Galicia". Por iso, subliñou a importancia de coidar a calidade das obras que produza.

Ao acto asistiron numerosos compañeiros da USC, amizades e representantes institucionais. Entre eles estiveron a alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín; o secretario xeral da Lingua, Valentín García; a reitora da USC, Rosa Crujeiras; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Dolores Vilavedra; o alcalde de Mañón, Alfredo Dovale, e Pilar Bermejo, en representación da Real Academia Galega de Ciencias.

0.26803708076477