Expertos propoñen construír, rehabilitar e adaptar o parque existente para afrontar o reto da vivenda

O Club Financeiro de Santiago (CFS) iniciou este martes, 22 de setembro, un novo ciclo de foros centrado nesta ocasión na situación da vivenda en Galicia. A colaboración público-privada e a necesidade de responder á demanda actual, nun contexto marcado por núcleos familiares e formas de convivencia cada vez máis diversas, centraron boa parte do debate.
O encontro contou cunha única mesa na que participaron representantes dos ámbitos institucional, académico e profesional, nun debate moderado polo doutor en Arquitectura e profesor da Universidade da Coruña Juan Antonio Caridad Graña.
O director da Fundación RIA, Manuel Rodríguez López, defendeu a necesidade de mobilizar a vivenda construída que permanece desocupada. Segundo explicou, para facelo é preciso “facilitar e mediar, coñecer as circunstancias e xerar confianza”. Desde a entidade, sinalou, trabállase tamén sobre cuestións como a conectividade, a paisaxe ou o medio ambiente, aspectos relacionados coa vivenda que poden contribuír á fixación de poboación.
Pola súa banda, a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, destacou que o acceso á vivenda constitúe actualmente unha das principais preocupacións sociais e defendeu a necesidade de incrementar tanto a oferta de vivenda en venda como en alugueiro.
Neste sentido, referiuse ao II Pacto de Vivenda de Galicia 2026-2030 como a folla de ruta para os próximos anos, cun compromiso para duplicar o número de fogares de promoción pública e coa posta en marcha de novas medidas destinadas a facilitar a construción, habilitar solo, rehabilitar inmobles e mobilizar o parque existente.
Martínez Allegue incidiu tamén na importancia da colaboración entre o sector público e o privado, coa participación dos concellos, e na necesidade de concentrar os esforzos nos lugares onde existe unha maior demanda, que situou principalmente nas grandes cidades.
O decano do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG), Luciano González Alfaya, considerou que a resposta ao problema debe ser máis ampla e defendeu abordar “todas as solucións de maneira conxunta”. González Alfaya destacou o cambio de rumbo e o esforzo da Xunta no ámbito da construción, aínda que sinalou a distancia existente entre os tempos administrativos e as necesidades actuais.
O responsable do COAG reclamou tamén maior claridade nos datos sobre vivendas baleiras, tomando como referencia o nivel de consumo dos fogares, valorou as políticas públicas que están en marcha e apuntou a un incremento da creación de vivenda en 2027. Segundo indicou, no primeiro semestre deste ano a construción aumentou arredor dun 6 % respecto ao mesmo período do ano anterior.
Entre as medidas propostas polo decano figuran un pacto xeral, a mobilización das vivendas baleiras, a rehabilitación do parque construído, a innovación tipolóxica, a regulación da vivenda como investimento ou uso turístico e o incremento da construción “máis, mellor e onde faga falta”.
Adaptar a vivenda ás novas formas de vida
A necesidade de adaptar as vivendas ás novas formas de vida e convivencia da sociedade actual foi outro dos puntos de coincidencia entre os participantes. O director da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña (ETSAC), Miguel A. Abelleira Doldán, expuxo a necesidade de revisar que se entende actualmente por vivenda e como debe responder a unha sociedade na que as estruturas familiares e sociais mudaron.
“Temos que preguntarnos que vivenda necesita a sociedade do século XXI”, sinalou Abelleira, que defendeu o papel da Escola de Arquitectura como un laboratorio no que investigar e formular novas solucións tanto para contornos urbanos como rurais.
O director da ETSAC destacou tamén a importancia de trasladar posteriormente ese coñecemento á sociedade mediante a colaboración coas institucións. Neste sentido, avanzou a próxima sinatura dun convenio entre a ETSAC e a Xunta para impulsar a investigación aplicada neste ámbito.
O presidente do Club Financeiro de Santiago, Roberto Pereira, explicou que este encontro supón o inicio dunha nova etapa no programa de foros da entidade, orientada a abordar cuestións de actualidade desde unha perspectiva práctica. Segundo sinalou, o obxectivo é que, coa participación de expertos, os encontros permitan analizar os problemas e tamén formular solucións.
No caso da vivenda, o debate puxo sobre a mesa a necesidade de actuar de maneira simultánea en diferentes ámbitos: a construción de novos fogares, a rehabilitación e mobilización do parque existente, a dispoñibilidade de solo e a adaptación das vivendas ás novas formas de convivencia.