Expomar organiza este venres a presentación oficial do libro Os Bolechas e o Mar
Dentro do seu obxectivo principal de apoio e desenvolvemento do sector pesqueiro, a Fundación Expomar organiza este venres a presentación oficial do libro Os Bolechas e o Mar, no que os protagonistas coñecen os oficios do mar nunha xornada no porto de Burela.
O acto terá lugar nas instalacións do CEIP Vista Alegre de Burela este venres ás 10 da mañá, coa presenza do Presidente da Fundación Expomar, representantes da Consellería do Mar, do Galp A Mariña-Ortegal e doutras entidades do sector pesqueiro, así como cos directores dos centros educativos locais e representantes de Bolanda Edicións, a editorial que publica o libro.
E por suposto a cita contará coa presenza de “Os Bolechas”, protagonistas da serie infantil de libros en galego que narran as aventuras dunha familia de ficción creada por Pepe Carreiro no ano 2000, con xa preto de 600 títulos publicados e casi dous millóns de exemplares distribuídos.
Serán os propios Bolechas quen faigan entrega dos libros aos alumnos de primeiro e segundo de Primaria dos colexios Vista Alegre e Virxe do Carme, onde tamén se celebrarán obradoiros de elaboración de chapas e xogo do Trivial con motivos mariñeiros.
Con este proxecto, que se contempla como un conxunto de accións encamiñadas á recuperación e visibilización do patrimonio e cultura mariñeiro, e que está financiado polo Galp A Mariña-Ortegal, a Fundación Expomar pretende enseñarlle aos nenos e nenas de Burela a riqueza do noso mar, poñendo en valor o potencial económico do sector pesqueiro.