FADEMGA Plena inclusión Galicia celebra a aprobación do Regulamento de Accesibilidade Cognitiva

A entidade considera que a nova normativa supón un avance fundamental para garantir a igualdade de oportunidades e a non discriminación das persoas con dificultades de comprensión
plan-accesibilidade-pladenga
1 Sep 2026

FADEMGA Plena inclusión Galicia celebra a aprobación do Regulamento que desenvolve a Lei de Accesibilidade Cognitiva, ratificada polo Parlamento en marzo de 2022, ao considerar que supón un avance importante para garantir o pleno exercicio dos dereitos e deberes da cidadanía, así como a igualdade de oportunidades e a non discriminación.

A entidade destaca especialmente a relevancia desta medida para as persoas con discapacidade intelectual e do desenvolvemento e para todas aquelas que presentan dificultades de comprensión. FADEMGA comparte a valoración de Plena inclusión España, que considera a aprobación do Regulamento un paso necesario e esperado durante anos, aínda que reclama que vaia acompañado dos recursos económicos necesarios para garantir a súa aplicación efectiva.

Neste sentido, o director de Plena inclusión España, Enrique Galván, sinala que “recibimos esta aprobación como un avance longamente esperado. Porén, botamos en falta que este instrumento normativo veña acompañado dunha dotación orzamentaria que garanta a súa efectividade”. Galván tamén considera que o Regulamento sería máis completo se incorporase referencias a normativa técnica que permita garantir o rigor das metodoloxías utilizadas para crear apoios e asegurar unha verdadeira accesibilidade cognitiva.

Desde o movemento asociativo Plena inclusión defenden a accesibilidade cognitiva como un “dereito chave”, ao considerar que permite a centos de miles de persoas con discapacidade intelectual ou dificultades de comprensión exercer outros dereitos fundamentais, como a educación, o emprego, a saúde, a cultura, o ocio ou a participación social.

A vicepresidenta de Plena inclusión España e activista polos dereitos das persoas con discapacidade intelectual e do desenvolvemento, Maribel Cáceres, tamén valorou positivamente este avance. “Nós, as persoas con discapacidade intelectual, necesitamos comprender o mundo no que vivimos. E iso só o podemos facer se contamos no noso día a día con medidas que faciliten o noso dereito á accesibilidade cognitiva”, afirma.

A Organización Mundial da Saúde sinala que as medidas de accesibilidade cognitiva poden beneficiar a “1 de cada 3 persoas” no mundo, debido a que unha parte importante da poboación presenta algún tipo de dificultade de comprensión.

Un marco común para todo o Estado

Plena inclusión España leva anos impulsando o dereito á accesibilidade cognitiva e participou no proceso de desenvolvemento desta normativa, achegando a experiencia acumulada polo movemento asociativo. A través dos seus preto de 4.000 centros e servizos, o movemento Plena inclusión presta apoio a máis de 150.000 persoas con discapacidade intelectual e do desenvolvemento e ás súas familias en todo o Estado.

O novo Regulamento crea, por primeira vez, un marco normativo común sobre accesibilidade cognitiva para todo o territorio estatal e incorpora este dereito de maneira transversal en ámbitos fundamentais da vida cotiá.

A normativa permitirá avanzar cara a formularios e documentos administrativos máis fáciles de comprender, unha sinalización máis accesible no transporte e nos espazos públicos, información sanitaria en formatos comprensibles e procesos electorais con información e materiais adaptados. Tamén contempla un maior uso da lectura fácil e a linguaxe clara, pictogramas e outros apoios visuais, sistemas aumentativos e alternativos de comunicación e novas solucións tecnolóxicas, incluídas as baseadas na intelixencia artificial.

FADEMGA Plena inclusión Galicia considera que a aprobación do Regulamento representa un avance fundamental para construír unha sociedade máis accesible, comprensible e inclusiva. Non obstante, insiste en que o recoñecemento destes dereitos debe ir acompañado dos “recursos económicos, técnicos e humanos necesarios” para que as medidas previstas poidan aplicarse de maneira real e efectiva.

A accesibilidade cognitiva beneficia especialmente ás persoas con discapacidade intelectual e do desenvolvemento, pero tamén ás persoas maiores, ás que presentan deterioración cognitiva ou dificultades de comprensión e ás que teñen un coñecemento limitado da lingua. Para a entidade, comprender a información, os espazos, os servizos e as normas que rodean á cidadanía resulta imprescindible para poder participar na sociedade e exercer os dereitos en igualdade de condicións.

0.31996297836304