Fronte Ampla reclama na Coruña un imposto ás grandes fortunas e aos beneficios da banca

A formación concentrouse diante da sede do Banco Santander para defender a proposta 'Taxa ao rico', que contempla gravames de ata o 3 % aos grandes patrimonios e elevar ao 40 % o imposto de sociedades da banca
FRONTE AMPLO - SUMAR taxa ricos
6 Nov 2026

Un imposto específico para as grandes fortunas e unha maior contribución das entidades financeiras. Esa é a reivindicación que Fronte Ampla levou este venres ás rúas da Coruña cunha concentración diante da sede do Banco Santander, na que reclamou a aplicación da proposta «Taxa ao rico», impulsada recentemente por Ada Colau.

Na mobilización participaron Paulo Carlos López, portavoz da formación; Trinidad Palacios, segunda candidata ao Congreso pola Coruña; e Juanjo Gallego López, tamén candidato ao Congreso pola provincia, xunto con outros membros da organización. Os asistentes exhibiron carteis co lema «Taxa ao rico» para reclamar unha reforma fiscal que permita reforzar os servizos públicos e que as grandes fortunas e as empresas con beneficios extraordinarios acheguen máis ás arcas públicas.

A proposta contempla un imposto directo do 2 % para os patrimonios superiores ao millón de euros e do 3 % para os que superen os 50 millóns. No ámbito empresarial, tamén propón elevar ata o 40 % o imposto de sociedades aplicable á banca, calculado sobre a base impoñible.

Segundo explicou López, a medida podería afectar en Galicia a unhas 10.000 persoas e permitiría recadar arredor de 415 millóns de euros anuais. O portavoz comparou esta cantidade co orzamento que a Xunta destina á I+D+i e asegurou que permitiría financiar a construción de 200.000 vivendas de protección oficial.

Fronte Ampla defende que a iniciativa contribuiría a redistribuír a riqueza, reforzar os servizos públicos e facer fronte ao incremento do custo da vida. A formación avanzou que continuará trasladando este debate ás rúas e ás institucións.

0.28686904907227