Fundación Menela, Vida Digna e Gonzalo Dávila, Viguesas e Vigueses Distinguidos 2026

O Concello de Vigo propoñerá que a próxima gala de entrega dos premios Viguesas e Vigueses Distinguidos 2026 recoñeza a contribución á cidade no ámbito social de Gonzalo Dávila, ex director de Cáritas Diocesana Tui-Vigo, así como da Fundación Menela e da asociación Vida Digna.
Tal e como explicou o alcalde Abel Caballero, Gonzalo Dávila foi durante nove anos o responsable de Cáritas na diocese Tui-Vigo, unha entidade que conta con arredor de 450 persoas voluntarias e atende a persoas de todo tipo de ámbitos sociais. “É un recoñecemento e unha condecoración moi merecida”, sinalou.
A Fundación Menela é unha entidade sen ánimo de lucro de labor “sobradamente coñecido” que cumpre 50 anos de historia, dedicada á atención das necesidades das persoas con Trastorno do Espectro do Autismo e das súas familias, desde os primeiros anos de vida ata a idade adulta.
No caso da asociación Vida Digna, nacida en Vigo hai 20 anos, desenvolve un “traballo excepcional” atendendo á cidadanía a través do seu comedor social, a repartición de alimentos, os gabinetes de orientación e derivación, a asistencia legal e psicolóxica, o roupeiro social e gratuíto, así como clases de apoio educativo.
Ademais, o Goberno municipal propuxo tamén a concesión do premio Viguesas e Vigueses Distinguidos 2026 aos IES Alexandre Bóveda e IES Álvaro Cunqueiro.