Galicia dá o primeiro paso formal para crear a oitava reserva da biosfera entre os cabos Fisterra e Silleiro

A candidatura se someterá a un proceso de consulta pública co fin de recompilar posibles achegas e enriquecer a proposta antes de remitila para iniciar a súa tramitación oficial ante a Unesco
Faro de Fisterra
19 Oct 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, avanzou que o Consello deu hoxe o primeiro paso para “crear a oitava reserva da biosfera de Galicia, que estará entre os cabos Fisterra e Silleiro”. “Trataríase dunha das maiores reservas da biosfera mariñas de España”, indicou e resaltou que se trata dun espazo cunha superficie de “case 146.000 hectáreas, das que o 85% corresponden ao medio mariño”.

Segundo foi informado hoxe o Consello, esta mesma semana abrirase un proceso de participación pública para que as persoas e entidades interesadas poidan coñecer o documento en que se baseará a candidatura. Unha vez analizadas e incorporadas as posibles achegas, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático xa poderá remitir a proposta ao Goberno de España para iniciar a súa tramitación ante a Unesco.

A principal singularidade da futura reserva é o seu marcado carácter mariño e costeiro, xa que o seu ámbito territorial abrangue augas marítimas interiores e unha rede de espazos insulares, costeiros e terrestres ligados ecoloxicamente entre si, cun total de 123.916 hectáreas mariñas e 21.862 hectáreas terrestres. Neste sentido, a candidatura transcende a suma individual destes espazos e propón unha xestión conxunta e coordinada dun amplo sistema ecolóxico en que o mar, as illas, as rías e o litoral están directamente relacionados e constitúen así un dos ecosistemas máis valiosos e representativos da fachada atlántica europea.

Entre os espazos naturais máis destacados incluídos dentro do seu territorio figuran, segundo indicou o presidente, “verdadeiros símbolos do noso territorio” como o Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, a Costa da Morte, Carnota-Monte Pindo, monte e lagoa de Louro e as rías de Muros e Noia, de Arousa, de Pontevedra e de Vigo; así como sistemas dunares, humidais, lagoas costeiras e outros ecosistemas de elevado valor ambiental. Así, estaríamos ante un dos principais proxectos de conservación do litoral atlántico europeo.

A área de influencia socioeconómica da candidatura abrangue “34 concellos da Coruña e Pontevedra”, destacou Rueda. En concreto, Fisterra, Cee, Corcubión, Dumbría, Carnota, Muros, Outes, Noia, O Porto do Son, Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Boiro e Rianxo, na Coruña; e Catoira, Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa, A Illa de Arousa, Cambados, Ribadumia, Meaño, O Grove, Sanxenxo, Poio, Pontevedra, Marín, Bueu, Cangas de Morrazo, Moaña, Vilaboa, Soutomaior, Redondela, Vigo, Nigrán e Baiona, en Pontevedra.

Unha mostra da biodiversidade e da riqueza natural que caracterizan estas zonas, tal e como explicou o presidente, é que dentro do ámbito da reserva hai 27 espazos protexidos, 42 hábitats de interese comunitario, 234 taxóns protexidos e decenas de especies de fauna e flora que, en conxunto, converten esta iniciativa ambiental nunha das máis relevantes promovidas en Galicia nas últimas décadas.

Así mesmo, outra das singularidades do proxecto, tal e como apuntou Alfonso Rueda, é que “demostra que é posible o equilibrio entre a protección do medio e o mantemento da actividade económica arraigada ao territorio, como a acuicultura, o marisqueo ou o turismo sostible”.. Esta filosofía, coa que Galicia foi construíndo historicamente esa relación arredor do mar, encaixa á perfección cos principios do programa Home e Biosfera da Unesco.

O presidente da Xunta explicou que a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático empezou a traballar en 2024 coa idea de impulsar a oitava reserva da biosfera de Galicia e para iso “contou coa opinión e a participación das tres universidades galegas, o CSIC e outros centros tecnolóxicos e de investigación, polo que estamos a falar dunha proposta sólida con moitos datos obxectivos”. Deste xeito, o traballo técnico previo conclúe agora nun documento que inclúe unha delimitación territorial definitiva, unha zonificación, un modelo de xestión e un plan estratéxico.

A isto súmanse as 44 cartas de apoio á candidatura recompiladas ata o momento, entre elas, as recibidas por parte de 23 concellos da área de influencia do ámbito proposto; das deputacións provinciais da Coruña e de Pontevedra; das tres universidades; do padroado do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia; das sete reservas da biosfera xa declaradas, e doutras entidades, asociacións e organismos públicos relacionados co sector pesqueiro e marisqueiro.

Se a candidatura prospera e finalmente resulta aprobada pola Unesco, sumaríase ás sete reservas da biosfera xa declaradas en Galicia –río Eo, Oscos e Terras de Bourón; Ancares lucenses; Terras do Miño; Mariñas coruñesas e terras do Mandeo; Allariz; Gêres-Xurés, e Ribeira Sacra e serras do Oribio e Courel– e consolidaríase a súa posición entre as comunidades autónomas con maior presenza na Rede española e mundial de Reservas da Biosfera.

0.38781309127808