Imputan á concelleira de Seguridade de Vigo polo accidente mortal do saltamontes

O xuíz da Sección de Instrución do Tribunal de Instancia de Vigo, praza 3, concluíu a investigación do accidente mortal sucedido nunha das atraccións -o saltamontes- instalada durante as festas de Matamá celebradas entre o 30 de xullo e o 5 de agosto de 2024.
Nun auto, notificado hoxe, ordena que se continúe a tramitación das dilixencias polos trámites do procedemento abreviado, por se os feitos imputados ao propietario da atracción e á concelleira da área de Goberno de Seguridade, Contratación, Festas e Xestión Municipal puidesen ser constitutivos dun delito de homicidio imprudente, en concurso cun delito menos grave de lesións por imprudencia grave.
Polo tanto, insta a dar traslado da resolución ao Ministerio Fiscal e ás acusacións particulares persoadas, para que soliciten a apertura de xuízo oral, formulando escrito de acusación, ou o sobresemento da causa ou, excepcionalmente, a práctica de dilixencias complementarias.
O xuíz decreta o sobresemento provisional do procedemento respecto do entón presidente da comisión de festas de Matamá, o xefe da Policía Local e o xefe da área de Seguridade do Concello de Vigo ao entender que non ostentan unha posición de garante que lles obrigase xuridicamente a actuar para impedir o resultado.
O xuíz explica no auto que o Concello de Vigo informou ao presidente da comisión de festas acerca das atraccións que superaran os trámites administrativos esixidos e aquelas que non, entre as que se atopaba o saltamontes, “cuxa posta en funcionamento fora expresamente desautorizada”.
A Concellaría de Seguridade, Contratación, Festas e Xestión Municipal, segundo consta na resolución, non comprobou que a atracción, cuxa posta en funcionamento “non fora autorizada”, estaba “a desenvolver a súa actividade con normalidade”, nin ordenou o precinto. Ademais, destaca que non se acreditou que informase da devandita circunstancia á Policía Local “polas canles habituais destinadas a tal fin”, nin tampouco que lle ordenara o precinto.
Das dilixencias practicadas despréndese, segundo o auto, que, presuntamente, o accidente foi causado “debido a un insuficiente par de aperte nos parafusos de suxeición do brazo que se desprendeu, o cal obrigou a tales parafusos a traballar a un esforzo de flexión repetitivo (fatiga) ata que se produciu a súa rotura sucesiva”. Como consecuencia diso, faleceu a vítima, e a súa parella, que estaba no coche sinistrado, resultou ferida. Tamén sufriu lesións unha testemuña do accidente.
Na resolución, o xuíz destaca que o dono da atracción, “a pesar de ser coñecedor da resolución administrativa” que impedía a súa posta en funcionamento, “operou nas festas patronais sen título habilitante”. Por iso, indica que existen indicios racionais para soster que o investigado “tiña un deber específico de garantir o seu correcto funcionamento e seguridade”, o cal incluía “o mantemento técnico adecuado e a revisión periódica de todos os seus compoñentes mecánicos, máxime tratándose dunha instalación de carácter itinerante destinada ao uso público”.
O xuíz sinala que “a omisión desta dilixencia básica constitúe unha grave infracción do deber de coidado que lle era exixible ao propietario”, a cal xerou “un risco non permitido, que finalmente se concretou no fatal resultado de morte”.
En canto á concelleira, salienta que “o seu deber de actuar non emanaba dunha mera obriga xenérica, senón das competencias específicas que lle atribúe a normativa administrativa”. Así, recalca que, “ao ter coñecemento fidedigno de que a atracción podería operar de forma irregular e, polo tanto, sen as garantías de seguridade exixibles”, tiña “o deber xurídico ineludible de adoptar as medidas necesarias para neutralizar ese risco, como a orde de cesamento inmediato da actividade o seu precinto”.
No auto, o xuíz asegura que “a remisión dun correo electrónico á Policía Local, sen o respaldo dun acto administrativo formal e executivo, revélase como unha medida manifestamente insuficiente e ineficaz, constituíndo unha omisión da dilixencia debida”. Por iso, conclúe que “existen indicios racionais para considerar que a omisión da investigada é penalmente relevante e que a súa conduta imprudente contribuíu causalmente ao resultado, existindo indicios de criminalidade contra ela”. O auto non é firme, pois cabe presentar recurso.