Investigadores da UVigo obteñen antioxidantes da alfábega para conservar o lagostino cocido conxelado

Permitirían previr a oxidación lipídica sen comprometer a estabilidade e calidade dos alimentos
investigacion-langostixo-conxelado
16 Oct 2026

Tras case tres anos de traballo, o grupo operativo Agri-Resval presentou este xoves os resultados dun proxecto centrado en mellorar a conservación de produtos pesqueiros grazas a descartes agrícolas. O consorcio, liderado pola empresa Néboda Farms e formado polo grupo AgroBioTech for Health da UVigo, a Fundación Empresa Universidade Galega (Feuga) e o Grupo Nueva Pescanova, centrouse na revalorización de residuos de agricultura vertical, en concreto a alfábega (Ocimum basilicum), para a obtención de antioxidantes naturais de alto valor capaces de inhibir a oxidación lipídica de peixes e mariscos conxelados como o lagostino. Isto permitiría empregar os antioxidantes naturais na industria para prolongar a vida útil do lagostino cocido conxelado e minimizar o desperdicio alimentario.

Na xornada final, que tivo lugar na sede de Feuga en Compostela, as entidades implicadas no proxecto presentaron os principais resultados do seu traballo. Como socio científico-técnico do consorcio, o grupo AgroBioTech for Health centrouse en converter o residuo vexetal nunha formulación antioxidante aplicable e en demostrar a súa eficacia e, para iso, empregaron alfábega cultivada por Néboda Farms en hidroponía vertical, como explican o IP do grupo Pedro Pablo Gallego e a investigadora Sonia Losada. O equipo científico traballou con descartes da parte área, como follas e talos que non acadan os estándares comerciais, así como con refugallos de raíz que non se comercializan.

En termos xerais, explican os investigadores, “as expectativas iniciais cumpríronse satisfactoriamente no relativo á obtención de antioxidantes naturais e á demostración da súa eficacia na protección fronte a oxidación lipídica” do lagostino Vannamei cocido conxelado.

Os resultados obtidos polos socios do grupo operativo permitiron identificar “con claridade a formulación cara á que se debería orientar o desenvolvemento futuro dos extractos para maximizar a súa aplicabilidade industrial”. Neste sentido, destacan os investigadores da UVigo, “o ácido rosmarínico é un dos compostos con maior interese industrial ao combinar unha elevada eficacia antioxidante cunha boa aceptación sensorial”.

Ademais representa unha alternativa natural con potencial para alongar a vida útil do lagostino e reducir o desperdicio, sen comprometer a estabilidade e calidade dos alimentos e o seu uso permitiría responder á crecente demanda dos consumidores por produtos con ingredientes naturais e etiquetas más limpas.

O traballo do Grupo Operativo Agri-Resval non partía de cero, xa que “Néboda Farms e o noso grupo colaboraramos previamente en dúas iniciativas financiadas por GAIN” en 2021 e 2022, explican Losada e Gallego. Neste proxecto que agora remata, o grupo AgroBioTech for Health centrouse en tres eidos. Por unha banda, o cultivo das plantas de alfábega xunto con Néboda Farms para estudar “como os nutrientes e o espectro lumínico afectan ao contido en antioxidantes, con deseño experimental e optimización dos procesos involucrados coa axuda da intelixencia artificial”. Por outra banda, deseñaron un protocolo de extracción sostible e sinxelo, facilmente transferible ao sector agroalimentario e caracterizaron os extractos vexetais para determinar o contido de polifenois totais e flavonoides de cada un dos extractos e identificaron os compostos presentes por cromatografía líquida acoplada a espectrometría de masas. Finalmente, tamén validaron as formulacións Agri-Resval no laboratorio, avaliando a evolución dos produtos primarios (dienos conxugados) e secundarios (sustancias reactivas ao ácido tiobarbitúrico, TBARs) da oxidación lipídica durante o almacenamento en conxelación das mostras de lagostino cocido, comparando mostras control e mostras tratadas con extractos de alfábega procedentes de diferentes condicións de cultivo, co fin de determinar a súa eficacia na prevención dos procesos oxidativos.

Conservación de lagostino en condicións de laboratorio

No que se refire á conservación de lagostino en condicións de laboratorio, o equipo comprobou que o extracto permitiu reducir aproximadamente nun 70% a xeración de produtos de oxidación causantes da perda de calidade e das propiedades organolépticas respecto ao lagostino sen tratar. En concreto, o tratamento realizado con ácido rosmarínico puro –un dos compoñentes presentes nos extractos- foi o que mostrou resultados máis prometedores. “Na cata desenvolvida no grupo Nueva Pescanova, os lagostinos tratados con este composto mantiveron unha valoración sensorial excelente despois de nove meses -e vanse a analizar despois de 11 meses nos próximos días – de almacenamento conxelado, cunha aceptación moi superior á observada no produto estándar sen tratamento”.

De cara ao futuro, e dado que o ácido rosmarínico foi o composto que proporcionou os mellores resultados sensoriais e de conservación nas mostras de lagostino cocido conxelado, os investigadores consideran que sería recomendable optimizar os procesos de extracción e concentración para incrementar a súa proporción nos extractos naturais. “Esta estratexia permitiría combinar as vantaxes dun ingrediente de orixe natural coa elevada eficacia observada na prolongación da vida útil do lagostino Vannamei cocido e conxelado, achegando unha solución con maior potencial de transferencia industrial”.

O proxecto permitiu non só demostrar o potencial dos extractos preparados como antioxidantes en sistemas alimentarios reais, senón tamén identificar os factores clave que condicionan a súa futura transferencia industrial. Neste sentido, destacan os investigadores, “a identificación da raíz como una fonte prometedora deste composto abre novas oportunidades para a valorización do cultivo e para o desenvolvemento de ingredientes naturais de alto valor engadido”. Ademais, consideran que o coñecemento xerado proporciona unha base sólida para optimizar a composición dos extractos, incrementando a concentración dos compostos máis eficaces e minimizando aqueles responsables de cambios sensoriais non desexados. Todo isto sitúa os resultados do proxecto “nun nivel de madurez que permite orientar futuros desenvolvementos cara á obtención de solución naturais competitivas para a conservación de produtos pesqueiros e outro alimentos de base lipídica”, conclúen.

0.37385892868042