L0rna lidera as primeiras confirmacións musicais do Marisquiño 2026 en Vigo

Xunto a ela estarán tamén El Virtual, cunha proposta marcada por sons introspectivos e emocionais, e Fresquito y Mango, representantes dun pop urbano mesturado con referencias dixitais
l0rna-lorna
19 May 2026

O festival Marisquiño deu a coñecer este martes o primeiro avance do cartel musical da edición de 2026, que se celebrará en Vigo entre os días 6 e 9 de agosto, coa confirmación de L0rna, El Virtual e Fresquito y Mango como primeiras propostas da programación musical.

A artista L0rna encabeza este avance como unha das voces máis destacadas e disruptivas da nova escena urbana estatal. Xunto a ela estarán tamén El Virtual, cunha proposta marcada por sons introspectivos e emocionais, e Fresquito y Mango, representantes dun pop urbano mesturado con referencias dixitais e estilos diversos.

A organización destaca que este primeiro anuncio busca reflectir a evolución da música urbana actual, cunha programación na que conviven trap, rap, melodías pop e cultura dixital, nunha combinación que aposta pola mestura de estilos e sensibilidades musicais.

Os tres artistas chegan ao festival da man de Jägermusic, o programa musical impulsado por Jägermeister, patrocinador do evento, que leva máis dunha década apoiando o talento emerxente e promovendo espazos para a experimentación e a diversidade musical.

A programación musical volverá ser unha das grandes protagonistas do Marisquiño, un festival que cada verán converte Vigo nun punto de encontro internacional para afeccionados aos deportes de acción e á cultura urbana.

Os concertos, sesións de DJ e batallas de freestyle rap desenvolveranse no entorno da praia de Samil, coas Illas Cíes como pano de fondo, un espazo consolidado como epicentro do festival e no que tamén se celebran boa parte das competicións e exhibicións deportivas.

Desde a organización avanzan que nas próximas semanas irán desvelando o resto da programación desta edición, que manterá o carácter gratuíto do festival e apostará por unha oferta musical máis aberta e diversa para adaptarse aos distintos públicos asistentes ao evento.

0.33621501922607