Lanzan petardos e ameazan cun pau aos participantes na acampada pola vivenda en Vigo

A acampada polo dereito á vivenda instalada na Alameda de Vigo sufriu varios episodios de hostigamento nos últimos días. Durante a madrugada deste venres, dous homes e unha muller lanzaron petardos cara ás persoas acampadas, mentres que, arredor das 7.00 horas, outro home as ameazou a berros mentres brandía un pau. Nos días anteriores tamén se rexistraran outros dous incidentes similares.
Os participantes na protesta agradeceron as mostras de apoio recibidas por parte da cidadanía e aseguraron que non responderán ás provocacións. Destacaron o respaldo de veciños de Vigo e doutras localidades e insistiron en que o seu obxectivo é reivindicar o dereito a unha vivenda digna.
Por outra banda, Ecoloxistas en Acción Rías Baixas expresou o seu apoio á acampada, iniciada o luns na Alameda, ao considerar que cumpre unha función social importante ao visibilizar as dificultades de acceso á vivenda e ofrecer un espazo de encontro e organización á mocidade viguesa.
A organización ecoloxista defende que a protesta é compatible coa conservación da Alameda como xardín histórico e sostén que os arredor de 30 tendas instaladas sobre a terra, sen invadir as zonas verdes, non supoñen unha ameaza para o espazo natural urbano.
Ecoloxistas en Acción sinala que comparte a necesidade de preservar o valor ambiental e patrimonial da Alameda, pero considera que a acampada non se pode comparar coa instalación do mercado Cíes Market, que, segundo denuncia, afecta ás especies arbóreas e animais do lugar e supón unha mercantilización do espazo público.
As persoas participantes na acampada comprometéronse, segundo a organización ecoloxista, a manter limpo o contorno, evitar danos nas árbores, respectar o silencio nocturno e deixar espazo libre para o paso dos peóns. Ecoloxistas en Acción confía en que a convivencia entre a protesta e o xardín histórico sexa adecuada e en que, unha vez retiradas as tendas, o espazo quede nas mesmas condicións nas que se atopaba antes da súa instalación.
A acampada tamén pretende denunciar o modelo turístico de Vigo durante o Nadal, ao que os seus participantes atribúen efectos negativos sobre a Alameda, o descanso veciñal e o prezo dos alugueiros. Consideran que o auxe das vivendas turísticas contribúe a expulsar a poboación nova e traballadora do centro da cidade.
Ecoloxistas en Acción animou a mocidade viguesa e ao conxunto da cidadanía a apoiar a protesta e a reivindicación dunha vivenda digna. A organización destaca que o encarecemento dos alugueiros e o aumento dos arrendamentos de tempada dificultan o acceso á vivenda, polo que considera que a acampada pode servir como punto de encontro para debater e organizar iniciativas en defensa deste dereito.