Lugo acolle un ciclo de cinema político e feminista con películas sobre Palestina, Líbano e México

'Outras miradas' desenvolverase do 1 ao 16 de decembro no Pazo de San Marcos, con conferencias e proxeccións dedicadas á cineasta Jocelyne Saab e ao pioneiro Colectivo Cine Mujer mexicano, cuxos filmes se exhibirán por primeira vez en Galicia
Rompiendo-el-silencio-(1979)
26 Nov 2026

Lugo acollerá do 1 ao 16 de decembro o ciclo de cinema 'Outras miradas', unha proposta da asociación Juan Casaveteiro que busca ampliar a oferta cultural da cidade con películas políticas e independentes, cunha especial atención á mirada feminina e ás loitas sociais e feministas. As actividades desenvolveranse no Salón de Actos da Deputación de Lugo, no Pazo de San Marcos, co apoio da Área de Cultura da institución provincial e a colaboración do Club Cultural Valle Inclán.

A programación comezará o martes 1 de decembro, ás 19:30 horas, coa conferencia-coloquio 'Palestina no cinema. Fragmentos dunha historia', que ofrecerá un percorrido pola evolución do cinema palestino desde as súas orixes ata a actualidade. A sesión abordará as crises que marcaron a súa historia, os seus autores e as dificultades para desenvolver unha cinematografía propia desde 1948.

O mércores 2 de decembro, tamén ás 19:30 horas, será a quenda de 'Jocelyne Saab. Exilio interior', unha sesión dedicada á cineasta libanesa falecida en 2019, que comezou a súa carreira como reporteira e correspondente de guerra para a televisión francesa. A través das súas películas documentou os conflitos de Oriente Medio e as súas consecuencias sobre a poboación civil. Proxectaranse 'Sur do Líbano: historia dunha vila asediada' (1976), 'Carta de Beirut' (1979) e 'Beirut, a miña cidade' (1982), con introducións para contextualizar as obras.

O ciclo continuará os días 15 e 16 de decembro cunha dobre sesión dedicada ao Colectivo Cine Mujer de México, unha experiencia pioneira que, desde finais dos anos 70, empregou o cinema como ferramenta de reivindicación dos dereitos das mulleres. As películas do colectivo, recuperadas e restauradas dixitalmente en 2022, chegarán por primeira vez a Galicia.

A primeira sesión será o martes 15, ás 19:30 horas, coa proxección de 'Cosas de mujeres' (Rosa Martha Fernández, 1975-1978) e 'Rompiendo el silencio' (Rosa Martha Fernández, 1979). O mércores 16, no mesmo horario, exhibiranse 'Vicios en la cocina, las papas silban' (Beatriz Mira, 1978) e 'Bordando la frontera' (Ángeles Necoechea, 1986).

A través desta programación, a asociación Juan Casaveteiro reivindica a necesidade de abrir espazos de exhibición alternativos ás estreas comerciais e á industria cinematográfica dominante. A iniciativa pretende recuperar obras e experiencias que quedaron á marxe dos circuítos habituais de distribución, pero que ofrecen outras perspectivas sobre a historia do cinema e a realidade social.

0.37489199638367