Lugo acolle unha feira agroalimentaria para impulsar a economía social e o desenvolvemento rural

O Pazo de San Marcos reunirá durante dúas xornadas a produtores e profesionais de Galicia e Portugal cun programa que combinará formación, gastronomía e actividades abertas ao público
fachada-Deputación-de-Lugo-portada
2 Jul 2026

O Pazo de San Marcos converterase este venres e sábado, 3 e 4 de xullo, no escenario dunha feira agroalimentaria promovida pola Deputación de Lugo coa finalidade de fomentar a economía social e contribuír ao desenvolvemento do medio rural. Durante dous días, produtores, cooperativas e profesionais do sector procedentes de Galicia e Portugal participarán nun espazo orientado á formación, á promoción dos produtos de proximidade e ao intercambio de experiencias.

A iniciativa contará cun amplo programa de actividades gratuítas dirixidas tanto aos profesionais do sector como á cidadanía en xeral. A proposta combinará accións formativas, divulgativas e gastronómicas co obxectivo de poñer en valor a riqueza do sector agroalimentario e favorecer a conexión entre os distintos participantes.

A programación incluirá conferencias, obradoiros especializados, showcookings, maridaxes e actuacións musicais deseñadas para impulsar o coñecemento e a promoción dos produtos locais.

Esta feira enmárcase dentro do proxecto Agrosocial, unha iniciativa cofinanciada a través do programa europeo Interreg España-Portugal (POCTEP), no que participa a Deputación de Lugo. O proxecto conta cun orzamento de 1,9 millóns de euros e busca promover a economía social, a transformación dixital e o relevo xeracional como ferramentas para construír un medio rural máis competitivo, innovador e sostible.

PROGRAMACIÓN

A programación arrancará o venres ás 17:00 horas coa inauguración oficial do encontro. A continuación desenvolveranse dous obradoiros técnicos especialmente orientados a produtores e persoas emprendedoras do sector agroalimentario. Diego Rodríguez Míguez impartirá unha sesión centrada no deseño de stands atractivos para feiras e eventos, mentres que Ruth Álvarez Fernández, enxeñeira especializada en packaging, abordará cuestións relacionadas coas estratexias de fixación de prezos e o desenvolvemento de envases responsables. A xornada concluirá cunha visita guiada pola cidade de Lugo para as persoas participantes.

O sábado a actividade trasladarase á Praza de San Marcos, onde a feira abrirá os seus postos entre as 11:00 e as 15:00 horas en horario de mañá e de 17:00 a 20:30 horas pola tarde. Durante a xornada desenvolverase tamén un obradoiro sobre alimentación saudable e produtos de proximidade impartido pola dietista-nutricionista Ángeles Novo Martínez.

Ademais, o programa incluirá un showcooking acompañado dunha maridaxe con viños das denominacións de orixe galegas, conducido polo cociñeiro Alejandro Méndez e pola sumiller Isa Lozano.

A música tradicional tamén ocupará un lugar destacado na programación coa actuación de Bruno Villamor, que ofrecerá un percorrido pola tradición musical galega, e coa proposta Fíos de Fado de Iria Estévez.

O público asistente poderá participar tamén nunha experiencia de maridaxe entre viños e queixos coa colaboración da Queixería Bisqato, ademais de asistir a un segundo showcooking da xornada, titulado *Encontro de sabores*, novamente dirixido por Alejandro Méndez.

A clausura do encontro incluirá o sorteo dunha cesta Agrosocial valorada en 600 euros.

0.40866494178772