Lugo acollerá o ciclo "Zanfona en feminino" con concertos e cursos para reivindicar o papel das mulleres

Lugo converterase durante os meses de setembro e outubro nun punto de encontro arredor da zanfona coa celebración do ciclo "Zanfona en feminino", unha proposta que combina concertos e cursos co obxectivo de facer da cidade un espazo vivo de transmisión, aprendizaxe e intercambio arredor deste instrumento.
A programación pretende achegar a zanfona tanto á comunidade musical como ao público xeral e, ao mesmo tempo, poñer en valor o papel das mulleres na súa historia e evolución.
A iniciativa propón unha revisión do legado feminino vinculado á zanfona desde a perspectiva actual, a través de diferentes propostas musicais e formativas. O programa permitirá coñecer tres momentos e linguaxes distintas da historia do instrumento da man de mulleres pioneiras no seu estudo e interpretación, recoñecidas internacionalmente como referentes nos seus respectivos repertorios.
A zanfona é un instrumento milenario cunha estreita vinculación con Galicia desde a Idade Media. Santiago de Compostela foi durante séculos a súa principal referencia simbólica e, xa a mediados do século XX, a través do labor filantrópico de Antonio Fernández, Lugo adquiriu un papel destacado na recuperación contemporánea do instrumento e converteuse nun dos seus principais centros de referencia.
A presenza das mulleres tamén forma parte desa historia, como demostra a abundante iconografía conservada ao longo dos séculos. Entre as figuras relacionadas coa interpretación da zanfona aparecen desde a raíña María Leszczyska ata mulleres da alta sociedade do século XVII e mulleres cegas de Galicia que empregaron o instrumento como medio de vida e de transmisión cultural. Porén, esta participación feminina permaneceu durante moito tempo relegada nos relatos históricos.
Bea Peña e Entrebescant abrirán a programación
A primeira cita será o sábado 19 de setembro, ás 20:00 horas, na Capela de Santa María, cun concerto protagonizado pola cantante e zanfonista Bea Peña, especializada en música antiga e medieval, xunto ao ensemble Entrebescant.
Baixo o título "El cantar del destierro", a proposta contrapón repertorio medieval escrito e música de tradición oral das terras peninsulares. O programa inclúe obras procedentes do Manuscrito de Las Huelgas, do Llibre Vermell de Montserrat e de tradicións gregorianas e andalusís.
O concerto empregará como fío condutor a figura do Cid e os camiños históricos da Península para propoñer unha reflexión sonora sobre o territorio, a memoria e a despoboación.
Curso sobre repertorio medieval
O domingo 20 de setembro, de 10:30 a 13:30 e de 16:00 a 19:00 horas, o Centro de Artesanía e Deseño (CENTRAD) acollerá un curso centrado no repertorio medieval interpretable con zanfona, con especial atención ás fontes ibéricas a partir do século XIII.
Durante a formación traballaranse cantigas de Alfonso X e Martín Codax, así como repertorio polifónico, abordando cuestións relacionadas coa afinación, os bordóns, os modos e as posibilidades rítmicas da zanfona no contexto medieval.
A actividade é gratuíta, aínda que require inscrición previa a través do enderezo info.centrad@deputacionlugo.org.
A música mediterránea chega ao Espazo Zanfona
A programación continuará os días 6 e 7 de outubro. O martes 6, o Espazo Zanfona San Froilán, na Praza de Santa María, acollerá dous concertos.
Ás 18:00 horas será a quenda de Kelly Thoma e Efrén López, que reunen a virtuosidade da lira cretense e da zanfona nun encontro musical entre dous amigos e compositores. As súas composicións e improvisacións percorren paisaxes sonoras de raíz cretense, balcánica, turca, persa, medieval e doutras tradicións, construíndo un particular "Mare Internum".
Ás 19:00 horas actuará Ailá, unha das formacións de referencia na renovación da música de raíz galega. A agrupación chegará ao Espazo Zanfona xunto a Manuela Fraguela, novo talento e futura intérprete da zanfona, dentro do proxecto "Zanfona en feminino", que busca poñer en valor o talento e a presenza das mulleres na música de tradición.
As dúas propostas amosarán a vitalidade da zanfona e a súa dimensión internacional, conectando diferentes tradicións musicais e territorios.
Un obradoiro para ampliar as posibilidades da zanfona
O mércores 7 de outubro, novamente no CENTRAD, desenvolverase outro curso de 10:30 a 13:30 e de 16:00 a 19:00 horas. A formación estará dirixida a intérpretes de zanfona de calquera nivel que queiran ampliar as posibilidades do instrumento e incorporar novos repertorios, ornamentos, fraseoloxía, rítmica e intervalos ás técnicas e estilos que empregan habitualmente.
O obradoiro buscará saír dos contextos máis habituais da zanfona, como a música antiga ou o folk europeo, para achegala a outras tradicións orais de países como Bulgaria, Grecia, Creta, Turquía, Irán ou Afganistán.
A formación explorará sistemas modais como o makam ou o raga, nunha proposta que pretende abrir novas vías de experimentación e interpretación para os participantes.
A inscrición para este curso tamén será gratuíta e deberá realizarse previamente a través de info.centrad@deputacionlugo.org.