Lugo e Ferrol reclaman mellores conexións ferroviarias durante o Día de Ferrol no San Froilán

Lugo e Ferrol queren reforzar a súa colaboración e avanzar cara a unha mellor conexión ferroviaria. Esta foi unha das principais reivindicacións do encontro celebrado este sábado no Concello de Lugo entre a alcaldesa, Elena Candia, e o rexedor ferrolán, José Manuel Rey Varela, que acudiu acompañado dunha representación da corporación municipal con motivo do Día de Ferrol, incluído na programación das festas do San Froilán.
A reunión permitiu poñer en común os intereses das dúas cidades e explorar vías de colaboración para impulsar iniciativas conxuntas, especialmente no eido turístico e cultural. Candia defendeu que o irmandamento entre ambos os municipios debe materializarse en proxectos que contribúan a dar a coñecer o seu patrimonio e os seus recursos. "Queremos que este irmandamento nos permita compartir experiencias con Ferrol e dar unha maior proxección aos recursos culturais e patrimoniais que temos en ambos os municipios", sinalou.
A alcaldesa tamén puxo o acento na importancia das comunicacións ferroviarias para facilitar os desprazamentos entre ambas as localidades, atraer visitantes e favorecer o desenvolvemento económico e social. "Lugo e Ferrol teñen moito que ofrecer, pero necesitamos comunicacións que nos permitan estar mellor conectados", subliñou.
Neste contexto, Candia volveu referirse á estación intermodal de Lugo, cuxa apertura continúa pendente, sen que polo momento exista unha data concreta, malia que a súa inauguración estaba prevista para o pasado mes de xuño. A rexedora lembrou a expectación xerada por esta infraestrutura e lamentou que os meses transcorran sen que se materialice a súa entrada en funcionamento.
"A estación intermodal espertou moita ilusión en Lugo. Seguimos as obras coa esperanza de que supuxesen un avance real nas nosas comunicacións, pero pasan os meses e seguimos no mesmo punto", afirmou. Ademais, incidiu en que a infraestrutura debe ir acompañada de melloras efectivas no servizo, con máis frecuencias e unha conexión real coa alta velocidade.
Por iso, reclamou información precisa sobre os prazos de apertura e as actuacións previstas para mellorar o transporte ferroviario, así como compromisos que permitan cumprir as expectativas depositadas na estación.
Pola súa banda, Rey Varela destacou o papel que poden desempeñar Lugo e Ferrol no desenvolvemento do norte de Galicia, respectando a identidade e a traxectoria propia de cada cidade. "Ambas cidades están chamadas a vertebrar o avance do norte de Galicia, cada unha coa súa personalidade, a súa historia e a súa proxección", manifestou. O alcalde ferrolán lembrou tamén que este ano se conmemoran os 300 anos de Ferrol como Departamento Marítimo do Norte.
O rexedor coincidiu na necesidade de mellorar as conexións territoriais e favorecer o crecemento urbano. "Lugo e Ferrol compartimos retos e soños: a mellora das comunicacións territoriais e o crecemento das nosas cidades", indicou. Neste sentido, reclamou avances no transporte de viaxeiros e mercadorías, unha conexión ferroviaria directa entre Lugo e Ferrol e melloras na estación intermodal ferrolá.
O encontro incluíu tamén un saúdo aos veciños que asistiron á recepción, entre os que se atopaban numerosos ferroláns desprazados á capital lucense para participar na xornada festiva. A reunión concluíu coa invitación de Rey Varela a Candia para asistir á celebración de San Xiao, prevista para o vindeiro mes de xaneiro, e cun intercambio de agasallos institucionais.