Lugo protagoniza unha nova entrega de ‘De tapas por España’ na 2 de TVE

O programa presentado por Adrienne Chaballe amosará este domingo o patrimonio, a historia e a gastronomía lucense nun percorrido pola cidade e polos seus produtos máis emblemáticos
programa-de-tapas-por-españa
22 May 2026

A terceira tempada do programa televisivo 'De tapas por España' continúa o seu percorrido polos distintos destinos do país coa emisión do capítulo dedicado a Lugo, que poderá verse este domingo 24 de maio ás 20:35 horas na RTVE, a través da 2 de TVE.

O espazo, conducido pola presentadora Adrienne Chaballe, combina turismo, historia, arte e gastronomía para achegar ao público os principais atractivos culturais e culinarios de cada destino. No caso de Lugo, o programa propón unha viaxe pola herdanza romana da cidade e pola súa identidade gastronómica, profundamente vencellada ao territorio e á tradición local.

O percorrido comeza na Muralla romana, un dos símbolos máis recoñecibles da cidade, onde Adrienne Chaballe estará acompañada polo arqueólogo Felipe Arias para afondar nas orixes de Lucus Augusti e no valor patrimonial dunha das fortificacións romanas mellor conservadas do mundo. A inmersión histórica continúa na Domus do Mitreo, onde a directora do museo, Dolores Dopico, guía á presentadora a través deste xacemento arqueolóxico que conserva importantes vestixios da presenza romana na cidade.

A gastronomía ocupa un papel central nesta entrega. O programa amosará a elaboración dun dos pratos máis representativos da cociña lucense, os callos con garavanzos ao estilo tradicional, ademais de achegarse a un dos produtos estrela da comarca, as fabas de Lourenzá.

A ruta culinaria continúa na Praza de Abastos de Lugo, onde o cociñeiro Nardo Eiroa, integrante da asociación Cociñeiros Lugo, exerce de anfitrión para mostrar a riqueza do produto de proximidade e a importancia do mercado na identidade gastronómica da cidade. O programa tamén se achega á crianza do boi galego e ao traballo detrás dun bo chuletón.

O apartado patrimonial retómase cun paseo pola Praza Maior e polo centro histórico da man do turismólogo e guía oficial Guido Álvarez, quen repasa a evolución urbanística e histórica da cidade. Outro dos momentos destacados da emisión terá lugar na Catedral de Santa María de Lugo, onde o director do museo diocesano, Marcos Calles, descubrirá os segredos dun dos edificios máis emblemáticos da cidade.

O capítulo rematará cun achegamento á cociña máis contemporánea de Lugo, unha proposta gastronómica que mantén o vínculo co produto local e coa tradición, pero incorporando novas técnicas e linguaxes culinarias.

0.32911896705627