Luz Casal pechará a segunda edición do festival 'Ou Yeah!' en Ourense o 4 de outubro

A artista subirá ao escenario do Pazo dos Deportes Paco Paz no que será o seu primeiro concerto na cidade desde 2019, nunha xornada que tamén contará co músico vigués Castillo
luz-casal
Fotografía de Javier Biosca
26 Sep 2026

A segunda edición do festival 'Ou Yeah!' chegará á súa fin o vindeiro 4 de outubro coa actuación de Luz Casal no Pazo dos Deportes Paco Paz de Ourense. Trátase dunha cita moi agardada, xa que a cantante non pisaba un escenario na cidade desde 2019.

A xornada de peche foi presentada esta mañá no propio recinto, nunha rolda de prensa na que participaron representantes da organización do festival, da Deputación de Ourense e da Xunta de Galicia. Durante o acto repasáronse os detalles do último día de programación e fíxose balance dunha edición que, desde o pasado mes de xuño, percorreu distintos puntos da provincia.

Jose M. Freiría, en representación da organización de 'Ou Yeah!', salientou a importancia de volver utilizar o Pazo dos Deportes Paco Paz, escenario que xa acolleu ao festival durante a súa primeira edición, e facelo nesta ocasión cunha artista da dimensión de Luz Casal, a quen definiu como unha figura de enorme peso e unha das grandes referencias do rock español.

Segundo explicou Freiría, as portas do recinto abrirán ás 19.00 horas. Castillo será o encargado de abrir a velada ás 19.30 horas, mentres que Luz Casal saldrá ao escenario ás 20.20 horas. A xornada incluirá tamén unha proposta gastronómica específica a cargo de Cociña Ourense, pensada especialmente para esta data.

O representante da organización destacou igualmente o momento de consolidación que atravesa o festival, que combina figuras de proxección nacional con propostas galegas e actividade repartida por distintos puntos da provincia. Neste sentido, Freiría referiuse a que esta última xornada coincide coa celebración do OUFF, o Festival de Cine de Ourense, tamén programado para o 4 de outubro, polo que animou ao público a aproveitar a data para desfrutar tanto da oferta musical como da cinematográfica que ofrecerá a cidade.

Pola súa banda, Marcos Vázquez Guzmán, director da Área de Cultura da Deputación de Ourense, puxo en valor a capacidade de Luz Casal para conectar con distintas xeracións de público, sinalando que as súas cancións son capaces de chegar á xente e achegar algo significativo. O responsable provincial reivindicou o apoio a este tipo de iniciativas como forma de xerar espazos de encontro arredor da cultura e de proxectar a imaxe da provincia de Ourense.

Finalmente, Manuel Pardo, delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, destacou a capacidade do festival para atraer visitantes e xerar actividade arredor da cultura e o turismo, vinculando esta programación cos Concertos do Xacobeo como un dos grandes referentes da proxección turística e cultural de Galicia. Pardo puxo especialmente o acento en que a programación do festival chegue tamén a pequenos núcleos de poboación, contribuíndo así a dinamizar o conxunto do territorio.

O festival 'Ou Yeah!' está organizado por Escena Sonora e Thinking Up Events, co apoio da Xunta de Galicia, a través da Axencia Turismo de Galicia, no marco dos Concertos do Xacobeo, e da Deputación de Ourense.

Da rúa aos escenarios: Castillo abrirá a xornada

A última xornada do festival comezará ás 19.30 horas coa actuación de Castillo, cantautor galego nacido en Vigo cuxa traxectoria se forxou tocando nas rúas de Edimburgo, cidade na que comezou a súa andaina musical en 2014.

A súa proposta móvese entre o folk, o country e o grunge dos anos noventa, cunha filosofía afastada das convencións habituais da industria musical. Xa de volta na súa cidade natal, publicou en 2023 o seu primeiro álbum, 'Let the Moon Kill the Sun', e posteriormente acompañou á banda galega Querido na súa xira por España, con actuacións en salas como El Sol, Sala Copérnico ou Galileo.

En 2026 presentou o seu segundo traballo, 'LISTEN', masterizado polo recoñecido enxeñeiro estadounidense Ted Jensen, que traballou con artistas como Eagles, Green Day ou Norah Jones.

Luz Casal, de volta a Ourense

Ás 20.20 horas chegará a quenda de Luz Casal, que ofrecerá o seu primeiro concerto na cidade de Ourense desde 2019. A artista presentará en directo 'Me voy a permitir', o seu novo traballo, descrito como o disco máis ecléctico e inclasificable de toda a súa carreira, composto por dez cancións que reflicten outras tantas actitudes e formas de mirar o mundo.

O espectáculo amosa esa liberdade creativa a través de distintos rexistros: desde a chanson francesa ata a proximidade co cancioneiro latinoamericano, pasando pola crónica do cotián sen perder o seu selo máis rockeiro. O disco tende así unha ponte entre o pasado e o presente da artista, reafirmando a súa dobre faceta como compositora e intérprete.

A xira conta cunha banda formada por Tino di Geraldo, Jorge F. Ojea, Peter Oteo, JM Baldoma "Baldo" e Borja Montenegro, xunto á propia Luz Casal.

Unha edición que percorreu a provincia

O concerto de Luz Casal porá así o punto final a unha edición do festival que arrincou o pasado 6 de xuño en Expourense, coas actuacións de Loquillo, The Rapants e Kitty, Daisy & Lewis, e que continuou o 31 de xullo no Carballiño, onde Burning celebrou os seus 50 anos de traxectoria cun concerto gratuíto na Praza da Veracruz.

O vindeiro 4 de outubro, 'Ou Yeah!' regresará á cidade de Ourense cun cartel encabezado por unha das voces máis destacadas da música española, acompañada por Castillo, músico vigués cuxa carreira se construíu entre Galicia e Edimburgo.

As entradas para esta última cita están dispoñibles desde 28 euros (máis gastos de xestión) a través das webs ouyeah.gal e ataquilla.com.

0.343670129776