Luz verde ao Plan de reforma da atención primaria, con miás de 640 novas prazas e 320 euros de investimento

Rueda resalta a posta en marcha de medidas para que os profesionais “teñan máis tempo para atender os pacientes”
Adrián Gallego, operación en directo ligamento cruzado, Ourense
5 Oct 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou esta mañá de que o Consello aprobou hoxe o Plan de reforma da atención primaria e comunitaria de Galicia 2026-2030, dotado de máis de 320 millóns de euros, e que suporá a creación de 644 novas prazas nos centros de saúde e puntos de atención continuada.

Rueda resaltou que o obxectivo é acadar unha atención primaria “máis moderna, con máis servizos e adaptada ás necesidade da medicina de hoxe e do futuro inmediato”. Nesta liña, destacou que grazas a medidas como o reforzo do persoal ou a mellora das ratios, “imos garantir que os profesionais teñan máis tempo para realizar o seu principal labor: atender os pacientes”. “É un ambicioso Plan para mellorar a atención primaria, que é a primeira porta de entrada dos cidadáns á sanidade pública”, engadiu o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño.

O plan centra a transformación en catro grandes ámbitos: estrutura, organización asistencial de axendas, modelo retributivo e medios materiais e infraestruturas. Fixa como obxectivos a protección do tempo clínico que o persoal sanitario dedica á atención aos pacientes; a ordenación da sobredemanda; o despregamento do potencial multiprofesional dos equipos dos centros de saúde, a redución da burocracia; e o seguimento continuo e a avaliación da actividade de cada servizo de atención primaria.

No tocante á estrutura, a Xunta creou xa a Dirección Xeral de Atención Primaria e Comunitaria, dependente directamente da Xerencia do Servizo Galego de Saúde. Ademais, prevé estender o reforzo da xestión ás áreas sanitarias, onde a dirección de atención primaria pasará a depender directamente da respectiva xerencia. Ademais, reforzaranse as funcións de xestión das xefaturas de servizo de atención primaria.

No ámbito da organización, a transformación céntrase en despregar todo o potencial multiprofesional dos equipos, revisar as axendas de medicina de familia e pediatría, na definición e absorción da sobredemanda, na análise das ratios dos equipos e na adecuación das necesidades de recursos humanos. Abórdanse as medidas necesarias para establecer unha axenda cun número determinado de actos asistenciais pero flexibles nas composicións dos mesmos e adaptado ás características particulares de cada centro e de cada profesional.

Neste sentido, tal e como explicou o presidente, as axendas dos profesionais fíxanse en 30 actos por día para o caso do médico de familia e 25 para a pediatría, cunha parte flexible que xestionará o propio profesional en conxunto co seu xefe de servizo e tendo en conta as características e necesidades dos pacientes e o seu entorno.

Co fin de testar a efectividade do novo modelo, o conselleiro explicou que “a Xunta levará a cabo de xeito progresivo programas piloto de reorganización das axendas en 14 centros de saúde, dous por cada área sanitaria”, que se iniciarán xa esta mesma semana.

Para cumprir os seus obxectivos, o Plan prevé importantes medidas no eido da dotación de recursos humanos. Así, o conselleiro destacou a creación de, cando menos, 383 novas prazas en 16 categorías profesionais, que se sumarán ás 50 da Unidade Técnica de Apoio á Atención Primaria, en funcionamento desde maio.

Trátase de reforzar progresivamente os equipos de atención primaria, adecuar os cadros de persoal ás necesidades asistenciais e organizativas e mellorar a capacidade de resposta do sistema. Para iso resérvase un orzamento de 21.560.000 euros destinado ao reforzo dos equipos de atención primaria.

A ampliación do cadro de persoal que hoxe aproba a Xunta está baseada nos criterios valorados positivamente na mesa sectorial de Sanidade por tres das catro organizacións sindicais presentes. Determínanse así os reforzos necesarios en atención primaria, que se adoptan tendo en conta que a partir de 2029 se agarda que as incorporacións de novos médicos superen o número de xubilacións e se reduza a escaseza actual. Así mesmo, a creación ou reforzo dos postos previstos no plan valoran a carga asistencial, a poboación de referencia e a existencia dunha dimensión organizativa suficiente para integrar os recursos existentes.

En particular, na categoría de medicina familiar e comunitaria o plan prevé a creación de 45 novas prazas nos centros de saúde e 18 novos postos nos puntos de atención continuada.

Na especialidade de pediatría, tendo en conta o criterio establecido de que os profesionais dispoñan dunha axenda de 25 actos e unha referencia de 1.000 tarxetas sanitarias asignadas, considérase a necesidade de crear 2 novas prazas.

En enfermería, para cumprir a ratio de 1 : 1, un profesional por cada médico ou pediatra, crearanse tantas prazas como as de médicos: 45 novos postos da especialidade familiar e comunitaria e 2 de pediatría. Ademais, aumentaranse as prazas de matrona en 45 máis para atender as mulleres ao longo de todo o seu ciclo vital, seguindo a ratio establecida dunha profesional por cada 5.500 mulleres maiores de 14 anos.

Potenciación dos equipos multidisciplinares

Co mesmo fin de aumentar a dimensión multiprofesional dos equipos de atención primaria prevese a creación, por primeira vez, da categoría de podoloxía. Ata o ano 2030, crearanse 28 prazas.

No marco do Plan estratéxico de saúde mental de Galicia 2026-2030, os equipos tamén se verán reforzados coa ampliación da rede de psicoloxía clínica en atención primaria. Tendo en conta que actualmente son 28 o número de profesionais que compoñen esta rede, o Servizo Galego de Saúde chegará de forma progresiva ata os 50 ao remate do plan.

O aumento de persoal tamén inclúe 48 novas prazas de farmacéuticos de atención primaria ata acadar un por cada 18.000 habitantes. En canto á saúde bucodental, acadarase a ratio de 1 técnico en hixiene bucodental por cada odontólogo de atención primaria por cada 22.500 habitantes coa creación de 10 novas parazas en cada categoría.

Está previsto incrementar 45 prazas de fisioterapeuta, tomando como referencia unha por cada 11.500 habitantes. Ademais, establécese o obxectivo de dispoñer dunha praza de técnico de coidados auxiliares de enfermería (TCAE) por cada unidade de fisioterapia, analizándose, neste caso, a situación real desta categoría profesional para acadar un técnico por servizo de atención primaria, independentemente do de cada unidade de fisioterapia.

Tamén se incrementará en 8 o número de prazas de dietista-nutricionista ata acadar as 53, tendo en conta a ratio desexada de unha por cada 50.000 habitantes. Na categoría de traballo social, crearanse 27 novas prazas para que exista un posto por servizo de atención primaria con máis de 7.500 tarxetas sanitarias.

No que respecta ao persoal de servizos xerais, terase en conta as necesidades de novos postos cada 6 axendas para xestionar, ademais da praza no marco do equipo da Unidade Técnica de Apoio á Atención Primaria, que colabora con centros de saúde das sete áreas sanitarias desde a súa sede no Hospital Psiquiátrico de Conxo.

A citada unidade, ademais dunha praza de persoal de servizos xerais, conta tamén cunha coordinadora médica e está previsto que chegue aos 48 postos de técnicos de saúde, encargados de reducir a carga burocrática de determinadas cotas de medicina de familia.

Esta planificación de reforzos nos recursos humanos da atención primaria súmase, tal e como explicou o presidente, ao compromiso “de incorporar 211 novos profesionais ata 2028 nos puntos de atención continuada” tras a extensión do seu horario de apertura e funcionamento ás mañás dos sábados. Destas novas prazas, cun orzamento de 10.310.076 euros, 100 serán de médicos, 80 de enfermería e 31 de persoal de xestión e servizos.

En canto ao modelo retributivo, o Servizo Galego de Saúde negocia na Mesa Sectorial a modificación do previsto no Decreto 226/1996 do 25 de abril, co obxectivo de que os profesionais “con cupos máis complexos ou que impliquen unha carga asistencial máis exixente” reciban complementos retributivos, indicou o presidente. Estímase un investimento inicial para estas modificacións retributivas de máis de 10 millóns de euros.

Así, proponse aplicar a todas as categorías de atención primaria factores retributivos que teñan carácter capitativo, vinculado ao número de tarxetas sanitarias asignadas.

Ademais, incorporaranse factores de complexidade por idade para as categorías de médico especialista en medicina familiar e comunitaria, pediatra de atención primaria, enfermeiro, enfermeiro especialista en medicina familiar e comunitaria e enfermeiro pediátrico, categorías nas que tamén se terá en conta o factor de despoboación.

Xunto con iso, terase en conta o factor de dispersión xeográfica para todas as categorías de atención primaria que teñan que desprazarse a diferentes centros de saúde para realizar a súa actividade.

E xeneralizaranse factores retributivos vinculados a condicións de illamento e soidade ao equipo básico de atención primaria: médico especialista en medicina familiar e comunitaria; enfermeiro, enfermeiro especialista en familiar e comunitaria e persoal de servizos xerais.

Investimento en equipamento, tecnoloxías e centros de saúde

Ademais das medidas no eido organizativo, de recursos humanos e retributivo, o Plan de atención primaria e comunitaria de Galicia 2026-2030 tamén recolle importantes investimentos en materia de infraestruturas, tecnoloxías e equipamentos.

Así, durante a vixencia do plan, a Xunta destinará máis de 278 millóns de euros a que os profesionais da atención primaria poidan desenvolver a súa actividade nas mellores condicións e cos máximos estándares de calidade, no que ten que ver con medios materiais e infraestruturas.

En particular, o Goberno galego continuará a reformar os centros de saúde existentes e construír novas infraestruturas cun investimento de 217.608.080,50 euros en 40 localidades, permitindo dispoñer de instalacións máis modernas, accesibles, funcionais e adaptadas ás necesidades asistenciais da poboación e tamén dos profesionais.

Do mesmo xeito, resérvanse 600.000 euros anuais para colaborar cos concellos na reforma dos centros de saúde de titularidade municipal, sumando 3 millóns de euros ata 2030.

Para potenciar a capacidade resolutiva do primeiro nivel asistencial, a Consellería de Sanidade está a traballar nun próximo Plan de dotación e renovación de equipamento dos centros de atención primaria 2027-2030, que prevé un investimento total de 7.421.780 euros. Neste punto destaca a adquisición e a renovación de equipamento clínico e administrativo, como ecógrafos, retinógrafos, desfibriladores, bisturís eléctricos ou lectores de códigos QR.

Por outra parte, realizarase un investimento de 50 millóns de euros na incorporación tecnolóxica co obxectivo de, indicou o conselleiro, “avanzar cara a un modelo asistencial máis intelixente, conectado e proactivo”. Impulsaranse así solucións innovadoras como a telemonitorización, a xestión proactiva da demanda, o desenvolvemento dos sistemas de información e o despregamento responsable da intelixencia artificial, entre outras ferramentas orientadas a mellorar a capacidade de anticipación, a toma de decisións e a calidade da atención.

Con este plan, a Xunta compromete unha reforma baseada nun notable incremento de medios humanos, que se complementa coa dotación dos recursos materiais necesarios para avanzar cara a unha atención primaria máis fortalecida, accesible, resolutiva e adaptada ás necesidades tanto de profesionais como da cidadanía.

O Plan de reforma da atención primaria e comunitaria 2026-2030 é froito dun proceso de escoita e diálogo coas distintas entidades implicadas, das achegas dos grupos de traballo creados para tal fin e da negociación cos representantes sindicais e a súa abordaxe na Mesa Sectorial.

0.37032294273376