Manifestación en Vigo contra Mercadona por manter o sistema de valoración da prima de beneficios

A CIG desenvolveu hoxe unha concentración diante do Mercadona da avenida de Madrid, 108, en Vigo, para denunciar que a empresa de alimentación continúa utilizando o sistema de valoración da prima de beneficios como mecanismo de castigo contra as persoas que desenvolven actividade sindical. E isto a pesar de que a Inspección de Traballo constatou que se trata dunha medida discriminatoria e pouco garantista que vulnera o dereito de liberdade sindical, cualificando a infracción como moi grave e propoñendo unha sanción de 50.000 euros.
A central ten en marcha unha campaña de mobilizacións para visibilizar unha práctica que leva anos denunciando: a utilización do denominado ´modelo Mercadona´ e das súas avaliacións anuais para penalizar economicamente as persoas que defenden os dereitos do persoal e exercen a representación sindical. E rexeitar que, a pesar da actuación inspectora, Mercadona mantén este sistema de valoración e continúa suspendendo as avaliacións das persoas delegadas da CIG, privándoas da prima de beneficios, da gratificación extraordinaria e dunha semana adicional de vacacións. Exclusión que pode supoñer a perda de tres mensualidades.
A situación resulta especialmente evidente na provincia de Pontevedra, xa que na avaliación correspondente ao ano 2024, nove das once persoas delegadas da CIG recibiron unha cualificación negativa e só dúas conseguiron superar o proceso. Unha delas, ademais, non chegou a percibir ningún importe pola súa situación de incapacidade temporal e pola aplicación do requisito de tempo de alta na empresa. O mesmo patrón repítese na provincia da Coruña, onde actualmente todas as persoas delegadas da CIG teñen suspensas as valoracións.
A gravidade destas prácticas quedou reflectida nunha actuación recente da Inspección de Traballo de Pontevedra, que analizou, entre outros elementos, a gravación dunha entrevista de valoración realizada no centro da avenida de Madrid, en Vigo. Nesa entrevista, a persoa responsábel do establecemento fai referencias explícitas á actividade sindical dunha delegada para xustificar a súa valoración negativa. Entre os motivos esgrimidos aparecen a utilización do crédito horario sindical sen a antelación que a responsable consideraba adecuada e a participación en mobilizacións nas que se coreaban consignas que non eran do seu agrado.
Para a CIG, este caso evidencia como Mercadona utiliza as entrevistas de valoración para introducir criterios discrecionais e converter o exercicio dos dereitos sindicais nun factor negativo á hora de conceder beneficios económicos e laborais.
A autoridade laboral conclúe que os parámetros empregados pola empresa son “xenéricos, insuficientes e discriminatorios”, ao non responder a criterios “obxectivos, razoábeis e proporcionados”. Ademais, aprecia unha ampla discrecionalidade que permite utilizar esta gratificación de maneira discriminatoria e represiva contra determinadas condutas sindicais.
Por estes feitos, constata a vulneración do dereito fundamental á liberdade sindical, cualifica a infracción como moi grave e propón unha sanción de 50.000 euros, ademais da perda das axudas, bonificacións e beneficios derivados dos programas de emprego.
Desde a CIG denuncian que Mercadona non só mantén un sistema de valoración cuestionado pola Inspección, senón que continúa aplicándoo contra as persoas representantes sindicais, facendo recaer sobre elas as consecuencias económicas do exercicio da súa actividade. Por iso, considera necesario continuar dando unha resposta colectiva e facendo visíbel que a representación das persoas traballadoras non pode ser motivo de penalización salarial nin de discriminación laboral.
“Esixímoslle á empresa poña fin a estas prácticas, respecte a liberdade sindical e deixe de utilizar a prima de beneficios como instrumento de presión contra quen defende os dereitos do persoal”, remata Verónica Pérez, delegada da CIG en Mercadona na provincia de Pontevedra.