Marta Argerich e Pablo Galdo compartirán escenario en Lugo nun dos concertos destacados do Nadal

A pianista arxentina, considerada unha das grandes figuras internacionais do seu instrumento, actuará o 16 de decembro no Auditorio Fuxan os Ventos xunto ao músico galego, nunha cita para a que xa se poden adquirir as entradas
Marta Argerich concerto con Pablo Galdo
24 Nov 2026

A pianista arxentina Marta Argerich actuará o vindeiro 16 de decembro en Lugo xunto ao pianista galego Pablo Galdo. O concerto comezará ás 20:30 horas no Auditorio Fuxan os Ventos e formará parte da programación municipal de Nadal 2026-2027. A Xunta de Goberno Local aprobou este luns o expediente para contratar esta actuación, que reunirá dous intérpretes de traxectoria internacional. As entradas están dispoñibles na Oficina Municipal de Turismo e a través da plataforma entradaslugo.es.

A actuación suporá un novo encontro entre ambos os pianistas, que xa compartiron escenario en distintas ocasións. Unha das primeiras citas tivo lugar en abril de 2019 no Auditorio de Ferrol, onde actuaron xunto ao pianista venezolano Sergio Tiempo nun programa con obras de Debussy, Ravel, Shostakóvich, Lutosławski, Guastavino e Manuel de Falla.

En abril de 2024 volveron coincidir no Auditorio Enric Granados de Lleida, onde interpretaron, entre outras pezas, o 'Carnaval dos animais', de Camille Saint-Saëns, xunto ao conxunto LleidArt Ensemble. Ese mesmo ano ofreceron actuacións conxuntas no Auditorio Baluarte de Pamplona, o 15 de novembro, e no Palau de la Música de Valencia, o día 17.

Argerich, nada en Bos Aires en 1941, está considerada unha das grandes intérpretes de piano da súa xeración. Comezou a estudar o instrumento aos cinco anos e debutou en público con só oito. O seu recoñecemento internacional chegou cos primeiros premios dos concursos de Xenebra e Bolzano en 1957 e alcanzou unha nova dimensión en 1965, cando gañou o Concurso Internacional Chopin de Varsovia. Desde entón desenvolveu unha carreira nos principais escenarios do mundo, especialmente vinculada á música de cámara e ás colaboracións con outros intérpretes.

Pola súa banda, Pablo Galdo, nado en Ferrol, conta cunha ampla traxectoria internacional e actuou en máis de 40 países de Europa, Asia, América e Oceanía. Formouse en centros musicais de España, Hungría, Austria e Rusia, entre eles o Conservatorio Tchaikovsky de Moscova e o Mozarteum de Salzburgo. Ademais da súa actividade como concertista, é fundador e director artístico do Concurso Internacional de Piano Cidade de Vigo e do certame de Ferrol, e desenvolve unha labor docente en conservatorios e centros superiores de música. A súa traxectoria foi recoñecida, entre outros galardóns, co Premio Gregorio Baudot e a distinción de Galego do Ano.

A propia Argerich destacou publicamente a calidade musical de Galdo e a súa intuición como intérprete. Ambos coincidiron tamén na boa conexión que manteñen sobre o escenario e na evolución dunha colaboración que se repetiu en diferentes concertos.

1.9659328460693