Masakatsu Toiya, galardoado co XIV Premio APECSA de Divulgación do Camiño de Santiago

A Asociación de Xornalistas e Estudosos do Camiño de Santiago (APECSA) concedeu o XIV Premio Internacional APECSA de Divulgación do Camiño de Santiago 2026 ao xaponés Masakatsu Toiya, polo seu traballo de divulgación e intercambio cultural entre o Xapón e España desenvolvido arredor do Camiño de Santiago e das rutas históricas de peregrinación. A candidatura foi presentada pola Asociación do Camiño de Santiago Calle Maior de Europa, con sede en Molinaseca (León).
O premio, correspondente á edición «NON ÁS GUERRAS», distingue especialmente o programa académico, cultural e divulgativo desenvolvido durante 2025 no Xapón, que incluíu conferencias e actividades sobre o Camiño de Santiago e a cultura española na Universidade de Ehime, na Universidade de Kanagawa e no Instituto Cervantes de Toquio. A iniciativa completouse cunha peregrinación duns cen quilómetros polo itinerario xaponés de Shikoku Henro, entre Zentsu-ji e Okubo-ji.
O xurado estivo presidido por Luís Celeiro Álvarez, vicepresidente de APECSA, e integrado por Carmen Prado Pico, da Asociación de Xornalistas de Santiago de Compostela; José Luís Muñoz Portabales, do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia; Xavier Goyanes Vilar, da Asociación Pazos de Galicia, e Purificación Carballo Pérez, como secretaria e membro de APECSA. A decisión adoptouse por unanimidade.
O galardón consiste nunha escultura titulada Harmonía, obra do escultor lucense Luís Loureira, e nun diploma acreditativo. Con esta décimo cuarta edición, APECSA reafirma o seu compromiso coa divulgación internacional do Camiño de Santiago e coa defensa dos seu valores.
Para a concesión do Premio, valorouse especialmente a orixinalidade dunha proposta que establece pontes entre dúas grandes tradicións de peregrinación: o Camiño de Santiago e o Shikoku Henro, incorporando tamén a experiencia doutras rutas xaponesas, como o Kumano Kodo. A combinación de divulgación académica, actividades culturais e experiencia directa de peregrinación permite achegar ao público xaponés a dimensión histórica, cultural e humana do fenómeno xacobeo, presentándoo como patrimonio vivo e espazo de encontro entre os pobos.
A concesión do premio adquire un significado especial nesta edición, cuxo lema é «NON ÁS GUERRAS». A xuízo do xurado, o proxecto representa unha aposta pola hospitalidade, a convivencia, a cooperación e o coñecemento mutuo entre culturas. Fronte ao enfrontamento, o intercambio; fronte ás fronteiras, os camiños; fronte ao descoñecemento, a cultura. Son valores que conectan plenamente co espírito do Camiño de Santiago e coa mensaxe que APECSA quixo transmitir nesta convocatoria.
Masakatsu Toiya, nado en 1945 na prefectura xaponesa de Osaka e residente en Yokohama, mantén desde hai anos unha estreita vinculación con España e coa cultura xacobea. Desde 2007 realizou longas estadías no noso país e percorreu máis de 17.000 quilómetros por diferentes itinerarios do Camiño de Santiago. Tamén exerceu como hospitalero voluntario en localidades como Molinaseca, Agés, Ventosa, Astorga e Santander, e completou as rutas xaponesas de Shikoku Henro e Kumano Kodo.