Monforte inicia mañá as súas Festas Patronais cun programa de música, tradición e actividades para todos os públicos

Monforte de Lemos dará comezo mañá, martes 11 de agosto, ás súas Festas Patronais, que se prolongarán ata o domingo 16 cunha programación que combinará música, tradición, cultura e actividades para todos os públicos. Todas as propostas organizadas polo Concello serán de balde.
As festas arrancarán ás 20.30 horas co pregón, que correrá a cargo do empresario monfortino José Manuel Rodríguez Fernández, director xeral do Grupo Lemos-Celega e xerente e propietario de Autos Lemos e Transportes Agustín. A continuación terá lugar o lanzamento do foguete e o acendido da iluminación artística.
A música será unha das grandes protagonistas das celebracións, con seis grandes concertos, un por cada xornada. O martes 11, De Vacas actuará na Praza de España tras o pregón, mentres que o resto das actuacións principais terán como escenario a Explanada da Compañía. O mércores 12 será a quenda de Ráfaga e a Orquestra Olympus; o xoves 13 actuarán Miss Cafeína e a Orquestra Acordes; o venres 14, Marlon e a Orquestra Los Españoles; o sábado 15, Walls, Doc Magoo’s e Malenne; e o domingo 16 pecharán o programa musical a Orquestra Panorama e o Grupo América de Vigo.
Os concertos desenvolveranse, con carácter xeral, entre as 22.30 e as 4.30 horas e estarán acompañados por outras actuacións musicais e de baile en diferentes puntos da cidade, con agrupacións como Gaitucada Aikirindo, Batukada Tukupá, Grupo de Batucada Baturruca, Asociación Cultural Amigos da Pandeireta, a Orquestra do Conservatorio de Música Mestre Ibáñez de Monforte, Banda de Acordeóns O Folión e Os Xograres de Lemos.
O mércores 12, ademais, comezará a duodécima edición do Festival Cómico Festivo “A Rúa é Vosa”, unha proposta dirixida especialmente ao público familiar que contará coa participación de sete compañías especializadas en clown, acrobacias, maxia, música, monicreques e globoflexia. As actividades desenvolveranse os días 12, 13, 14 e 16 de agosto, en sesións de mañá e tarde na Praza de España e na rúa Cardeal. A programación da tarde do día 12 suspenderase para facilitar que a cidadanía poida seguir a eclipse solar total visible desde Monforte.
O sábado 15 de agosto, Día da Patroa, será unha das xornadas centrais das festas. Ás 11.00 horas celebrarase a misa solemne e a ofrenda floral á Virxe de Montserrat na igrexa de San Vicente do Pino.
Media hora despois, ás 11.30 horas, terá lugar o tradicional Día do Gaiteiro, no que participarán Redegaita, Lemavos 1, O Cego da Veneira, Gaiteiros de Lemos, Os Triskeles, Os Xograres, Merenzao e Lemavos 2, que percorrerán as rúas da cidade.
Pola tarde, a Praza de España acollerá a Mostra de Danza e Música Tradicional. Xa á medianoite chegará o primeiro dos dous espectáculos de fogos artificiais das festas, que se lanzará desde San Vicente. O segundo terá lugar o domingo 16 desde o río Cabe.
As Festas Patronais forman parte dun programa máis amplo de Verán Cultural que se prolongará ata setembro e que incluirá propostas culturais, deportivas, turísticas e de lecer. Entre elas figura unha nova edición do Ciclo de Concertos de Grupos e Músicos Monfortinos, no que participarán Segunda Parte, Rockin’KB, Nectarine Soul, Cero2Cero, Galga Blues Band, Bella Chaos, Movilla y Los Irrepetibles, Deuce, Los Jinetes del Trópico, 7 Rojo e El Mundo de Sofía Band.
A programación estival inclúe tamén a Gala da Maxia, os Paseos en Barca polo río Cabe, a XXVI Mostra de Artesanía Artelemos, o Festival Carude Rock, a Festa da Empanada, a XXVII Feira do Libro, o IV Encontro de Palilleiras, a Xornada Europea da Cultura Xudía e a Festa de San Mateo da parroquia da Parte, prevista para o 21 de setembro.
O Concello destaca que as actividades das festas e do Verán Cultural buscan tamén contribuír á dinamización económica da cidade, especialmente dos sectores da hostalaría, o comercio e o turismo, mediante unha programación gratuíta que pretende atraer tanto á veciñanza como a visitantes durante o mes de agosto.