Monforte presenta o programa completo das Festas Patronais 2026 e do Verán Cultural

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, presentou este venres o programa completo das Festas Patronais 2026 e do Verán Cultural, acompañado pola tenente de alcalde, Gloria Prada, e a concelleira de Cultura, Marina Doutón. Durante o acto tamén se deu a coñecer o vídeo promocional das festas e o conxunto de actividades que converterán a cidade do Cabe nun dos puntos de referencia cultural e festivo durante o mes de agosto.
As Festas Patronais celebraranse do 11 ao 16 de agosto e, segundo explicou o rexedor, manterán “a esencia dunhas festas que nos últimos anos experimentaron un importante salto de calidade grazas ao compromiso do Equipo de Goberno por ofrecer unha programación variada, gratuíta e pensada para todos os públicos”.
O apartado musical conservará o formato das últimas edicións, con seis grandes concertos, un por cada día das festas, acompañados por orquestras e formacións locais. As actuacións previstas serán as de De Vacas o 11 de agosto; Ráfaga e a Orquestra Olympus o día 12; Miss Cafeína e a Orquestra Acordes o 13; Marlon e a Orquestra Los Españoles o 14; Walls, Doc Magoo’s e Malenne o 15; e a Orquestra Panorama e o Grupo América de Vigo o 16.
Os concertos desenvolveranse, con carácter xeral, entre as 22:30 e as 4:30 horas e terán como escenario principal a Explanada da Compañía, agás a actuación inaugural de De Vacas, que terá lugar o 11 de agosto na Praza de España tras o pregón, o lanzamento do foguete e o acendido da iluminación artística.
O pregón das Festas Patronais celebrarase o martes 11 de agosto ás 20:30 horas e correrá a cargo do empresario monfortino José Manuel Rodríguez Fernández, director xeral do Grupo Lemos-Celega e xerente e propietario de Autos Lemos e Transportes Agustín.
A programación festiva incluirá tamén diferentes actuacións musicais e de baile en distintos puntos da cidade coa participación de agrupacións como Gaitucada Aikirindo, Batukada Tukupá, Grupo de Batucada Baturruca, Asociación Cultural Amigos da Pandeireta, Orquestra do Conservatorio de Música Mestre Ibáñez de Monforte, Banda de Acordeóns O Folión e Os Xograres de Lemos.
Un dos momentos destacados será o 15 de agosto, Día da Patroa, coa misa solemne e a ofrenda floral á Virxe de Montserrat na igrexa de San Vicente do Pino ás 11:00 horas. Ese mesmo día terá lugar o tradicional Día do Gaiteiro, no que participarán Redegaita, Lemavos 1, O Cego da Veneira, Gaiteiros de Lemos, Os Triskeles, Os Xograres, Merenzao e Lemavos 2, que percorrerán as rúas da cidade desde as 11:30 horas.
Pola tarde celebrarase a Mostra de Danza e Música Tradicional na Praza de España e á medianoite terá lugar o primeiro dos dous espectáculos de fogos artificiais das festas. O sábado 15 lanzaranse desde San Vicente e o domingo 16 desde o río Cabe.
O programa reserva tamén un espazo para o público familiar coa duodécima edición do Festival Cómico Festivo “A Rúa é Vosa”, que contará coa participación de sete compañías especializadas en clown, acrobacias, maxia, música, monicreques e globoflexia.
O festival desenvolverase os días 12, 13, 14 e 16 de agosto, con sesións de mañá e tarde na Praza de España e na rúa Cardeal. O día 15 non haberá programación debido á celebración do Día do Gaiteiro e o mércores 12 pola tarde suspenderanse as actividades para facilitar que a cidadanía poida seguir a eclipse solar total visible desde Monforte.
O Verán Cultural ampliará a programación ata setembro con propostas culturais, deportivas, turísticas e de lecer. Entre as iniciativas destaca unha nova edición do Ciclo de Concertos de Grupos e Músicos Monfortinos, unha proposta impulsada polo Concello en 2022 para apoiar o talento local. Segundo explicou José Tomé, “foi impulsada por este Equipo de Goberno en 2022 para apoiar o talento local e podemos dicir que foi unha aposta acertada porque desde entón creáronse novos grupos de músicos locais en Monforte”.
Nesta edición participarán 11 bandas: Segunda Parte, Rockin’KB, Nectarine Soul, Cero2Cero, Galga Blues Band, Bella Chaos, Movilla y Los Irrepetibles, Deuce, Los Jinetes del Trópico, 7 Rojo e El Mundo de Sofía Band.
O Verán Cultural incluirá tamén a Gala da Maxia do 9 de agosto, os Paseos en Barca polo río Cabe, a XXVI Mostra de Artesanía Artelemos, a exposición do XXI Concurso de Carteis das Festas Patronais, o Festival Carude Rock, a Festa da Empanada, a XXVII Feira do Libro, o IV Encontro de Palilleiras, a Xornada Europea da Cultura Xudía e a Festa de San Mateo da parroquia da Parte, que pechará o programa o 21 de setembro.
O programa de man das Festas e do Verán Cultural contará ademais con catro artigos de colaboración: “A Praza da Estación. A agora dun barrio”, de Fermín Avellaneda Vázquez; “Esforzo e talento sitúan o deporte monfortino no máis alto”, do xornalista Luis Conde Carnero; “Invertir no Parque dos Condes: Completar a Zona D e construír unha gran fonte singular”, de Mario Iglesias Rodríguez; e “Ampliación do Polígono Industrial do Reboredo”, de Ánxel Viña Carregal.
Durante a presentación, José Tomé destacou tamén o impacto destas actividades na economía local, especialmente no turismo, a hostalería e o comercio. O alcalde puxo en valor que todas as propostas organizadas polo Concello serán de balde e afirmou que “somos o único Concello que ofrece un programa destas características con todos os concertos e actividades de balde. É algo que chama a atención non só na nosa contorna, senón en toda Galicia, e converte as Festas de Monforte nun auténtico reclamo para milleiros de visitantes”.
O rexedor concluíu animando á veciñanza e ás persoas visitantes a participar nunha programación “pensada para todas as idades e con propostas de máxima calidade”.