Movemento Sumar Galicia critica a falta de medidas da Xunta para protexer as traballadoras do SAF

Movemento Sumar Galicia expresou o seu apoio ás traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e denunciou a negativa da Xunta de Galicia a asumir compromisos concretos para reforzar a súa seguridade fronte ás agresións e garantir a aplicación efectiva das medidas de protección.
A organización considera que esta postura evidencia unha falta de compromiso do Goberno galego cun servizo que cualifica de esencial e coas profesionais que o sosteñen. Así o manifestou a secretaria de Igualdade, Dereitos Humanos e LGTBIQA+ de Movemento Sumar Galicia, Rocío Núñez, quen criticou o modelo de coidados desenvolvido nos últimos anos pola Administración autonómica.
Segundo sinalou, o SAF representa un sector fortemente feminizado, privatizado e marcado pola precariedade laboral. Núñez sostén que a Xunta, como administración competente en materia de dependencia, leva anos trasladando responsabilidades aos concellos sen achegar o financiamento necesario, favorecendo a externalización do servizo e o deterioro das condicións de traballo das súas profesionais.
A formación tamén lamentou que, un ano despois do asasinato de Teresa, traballadora do Servizo de Axuda no Fogar no Porriño, non se garantise aínda a aplicación efectiva das medidas anunciadas para incrementar a seguridade do persoal. “É inaceptable que tivese que producirse un crime tan terrible para abrir este debate e que, doce meses despois, as traballadoras sigan expostas a un risco real pola inacción do Goberno galego. Non hai sistema público de coidados posible se non se coida tamén de quen coida”, afirmou Rocío Núñez.
Movemento Sumar Galicia enmarca esta situación nun contexto máis amplo e lembra a recente abstención do Partido Popular no Congreso durante a votación da reforma do sistema de discapacidade e dependencia, unha norma orientada a reforzar o financiamento e ampliar os dereitos das persoas en situación de dependencia.
Ante esta situación, a organización reclama á Xunta que asuma plenamente as súas competencias, garanta a protección das traballadoras do SAF e impulse un sistema público galego de coidados baseado en emprego digno e servizos de calidade. “Os coidados non poden seguir sendo un negocio nin sosterse sobre a precariedade das mulleres”, concluíu Núñez.