Movemento Sumar Galicia reclama en Nigrán o dereito a unha vivenda digna e a prórroga dos alugueiros

Movemento Sumar Galicia celebrou na Biblioteca Pública Municipal de Nigrán as súas Xornadas Nacionais baixo o lema 'Polo dereito a unha vivenda digna no noso País!', un encontro centrado no acceso á vivenda como un dos principais problemas sociais en Galicia. O espazo serviu para abrir un debate político e social arredor da situación residencial e das dificultades que afronta a maioría da poboación.
A apertura da xornada estivo conducida por Rosario Pérez Graña e Ramón Sarmiento, coordinadores comarcais da organización, e contou coa participación de Paulo Carlos López, secretario xeral da formación, e de Verónica M. Barbero, presidenta de Movemento Sumar Galicia e portavoz de Sumar no Congreso.
Durante a súa intervención, Paulo Carlos López defendeu a necesidade de recuperar a prórroga extraordinaria dos alugueiros para protexer as persoas inquilinas fronte ás subas dos prezos e garantir estabilidade residencial. Criticou tamén a decisión de Partido Popular, Vox e Junts per Catalunya de rexeitar medidas deste tipo e advertiu de que a vivenda debe ser entendida como un dereito social e non como un activo especulativo.
Ao longo da xornada analizouse a situación do acceso á vivenda tanto en Galicia como no conxunto do Estado, marcada polo incremento continuado dos prezos, as dificultades de acceso para amplos sectores sociais e os procesos de especulación que, segundo se expuxo, contribúen ao desprazamento de veciñanza dos seus barrios.
O encontro incluíu tamén unha mesa de entidades coa participación de Provivienda e MOVE Baiona, moderada por Plácido Lizancos, profesor titular da Universidade da Coruña.
Movemento Sumar Galicia puxo en valor o traballo realizado nos últimos meses arredor dunha Iniciativa Lexislativa Popular sobre vivenda xa preparada, coa que busca impulsar medidas estruturais para garantir o acceso á vivenda. A organización defendeu a ampliación do parque público residencial, o reforzo das políticas públicas e a limitación do poder dos grandes fondos de investimento na vivenda.