Nace en Vigo o Festival Son e Mar, seis días de concertos no Peirao de Transatlánticos en setembro

O 11 de setembro será o concerto de Hard GZ, ao que seguirá unha xornada dedicada á movida viguesa
presentacion-festival-son-e-mar-vigo
13 May 2026

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, celebrou este mércores o nacemento do Festival Son e Mar, que se desenvolverá no Peirao de Transatlánticos de Vigo entre o 4 e o 13 setembro. O certame musical programa seis días de concertos, eventos temáticos de balde e unha marcada presencia da música local e galega.

En compañía da delegada territorial da Xunta de Galicia, Ana Ortiz, o promotor José Patiño, e os recoñecidos artistas locais Silvia Superstar e Teo Cardalda, Luisa Sánchez amosou a súa ledicia por este novo proxecto que “nace con vocación de converterse nun referente para Vigo, para a provincia e para Galicia”.

A programación inclúe o concerto de Hard GZ, dentro do ciclo Lingua Urbana, e cinco xornadas gratuítas de contido diverso e interxeracional. A primeira en desvelar o seu cartel, dedicada á movida viguesa, contará coas actuacións de Golpes Bajos, Semen Up, Miguel Costas, Killer Barbies e Stoned at Pompeii.

Os eventos temáticos Nacidos para Bailar, Aqueles Marabillosos 90, Unifes e Orballo Cultural, igualmente de acceso libre ata completar aforo, redondean a oferta musical de Son e Mar.

Tal e como detallou Luisa Sánchez, este festival é o resultado de varios meses de traballo que permitirá demostrar que Vigo é unha cidade que “quere consumir cultura e que, ademais, pode ofrecer cultura”.

Pola súa banda, a delegada da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, salientou que o Festival Son e Mar será “un evento único e inédito na nosa cidade”. “Nada máis e nada menos que seis días de música no corazón de Vigo, con músicos de todas as épocas e con presenza maioritaria do talento local”, apuntou a representante autonómica.

Oferta musical variada

Luisa Sánchez subliñou que Son e Mar permitirá satisfacer a demanda de diferentes públicos grazas á súa variada oferta musical. Igualmente, referiuse ao reto organizativo que suporá compatibilizar tantos días de festival coa actividade cotiá do porto de Vigo, que recibirá a varios cruceiros durante esas datas.

A música comezará a soar no Peirao de Transatlánticos o 4 de setembro co evento Nacidos para Bailar, dedicado aos éxitos máis populares que se pinchaban nas discotecas a finais do século pasado e principios do actual. O sábado 5 de setembro tocará rememorar vellos éxitos con Aqueles Marabillosos Anos 90.

A actividade retomarase o xoves 10 de setembro con Unifes, unha cita dirixida ao público universitario. O venres 11 de setembro tomará o relevo HardGZ, o único evento de pago do ciclo e tamén un dos que máis expectación xerou. De feito, a venda anticipada de entradas xa bateu marcas, confirmando o tirón dun artista convertido en referente da música urbana en Galicia.

Tras a xornada histórica que o 12 de setembro reunirá a varios nomes fundamentais da historia musical de Vigo ao abeiro de A Movida Viguesa, Son e Mar pechará a súa primeira edición o domingo 13 de setembro con Orballo Cultural. Este evento reunirá a cinco dos grupos e artistas máis representativos de Galicia nunha aposta clara pola autóctona.

Xornadas e datas

  • 4 de setembro: Nacidos para Bailar (acceso libre ata completar aforo)
  • 5 de setembro: Aqueles Marabillosos Anos 90 (acceso libre ata completar aforo)
  • 10 de setembro: Unifes (acceso libre ata completar aforo)
  • 11 de setembro: Lingua Urbana con HardGZ (entradas á venda)
  • 12 de setembro: A Movida Viguesa (acceso libre ata completar aforo)
  • 13 de setembro: Orballo Cultural (acceso libre ata completar aforo)
0.37081384658813