Natalia González anuncia a súa precandidatura á Secretaría Xeral do PSdeG de Ourense

A voceira municipal socialista formalizará a súa candidatura no proceso de primarias e reivindica “un proxecto colectivo” para liderar “o cambio que precisa a cidade”
natalia-gonzalez-psoe-ourense
1 Jul 2026

A voceira municipal socialista, Natalia González, anunciou a súa intención de formalizar a súa precandidatura á Secretaría Xeral da Agrupación Socialista de Ourense no marco do proceso de primarias aprobado polo Comité Federal do PSOE o pasado sábado.

Durante a súa comparecencia ante os medios, González explicou que toma esta decisión tras un período de reflexión e co respaldo que, segundo indicou, lle amosou a militancia ao longo da súa traxectoria política.

“Presento esta precandidatura coa mesma ilusión coa que comecei hai máis de vinte anos, pero tamén coa experiencia acumulada durante este tempo. É un proxecto colectivo, construído con persoas que cren nunha Ourense distinta e nun Partido Socialista forte, unido e preparado para liderar o cambio que precisa esta cidade”, asegurou.

A voceira socialista puxo en valor o traballo desenvolvido polo Grupo Municipal nos últimos anos e afirmou que o PSdeG representa “a única alternativa real” ao actual modelo de goberno.

“Quero construír unha cidade máis ambiciosa, que pense nas persoas e no seu futuro, afastada dos intereses particulares e das estratexias electoralistas. Hai unha maioría social que quere unha Ourense diferente e o Partido Socialista ten a responsabilidade de liderar ese proxecto”, afirmou.

0.32609391212463