Nil Moliner dá esta noite o pistoletazo de saída ao programa oficial do San Froilán 2026

As festas comezan este domingo, 4 de outubro, cunha xornada repleta de actividades, o pregón de Sonsoles Ónega e un concerto do artista catalán na praza do Seminario
Nil-Moliner
4 Oct 2026

O San Froilán 2026 arrinca oficialmente este domingo, 4 de outubro, cunha xornada que dará paso a nove días de programación cultural, musical e festiva en diferentes espazos de Lugo. As festas prolongaranse ata o 12 de outubro, incluído, co 5 de outubro como Día do San Froilán e festivo local e o 11 como Domingo das Mozas.

A programación deste primeiro día estará marcada polo pregón de Sonsoles Ónega, que terá lugar ás 12:00 horas na Casa do Concello, e polo concerto de Nil Moliner, previsto para as 22:00 horas na praza do Seminario. Antes, ás 20:30 horas, a praza Maior acollerá unha verbena coa Orquesta Marbella.

A xornada comezará ás 10:00 horas coa XXXII Feira do Mel na praza de Santo Domingo, que permanecerá aberta ata as 21:00 horas. Ás 11:00 horas tamén abrirá a Feira de Antigüidades e Coleccionismo na praza da Mosqueira, mentres a Real Banda de Ourense ofrecerá unha actuación itinerante por Santo Domingo, Raíña e a praza Maior.

Tamén ás 11:00 e ás 17:00 horas desenvolverase a X Cultura e Tradición no Camiño, na Oficina de Turismo da Xunta de Galicia e no Espazo Relembra, con obradoiros de cestería de colmo e de vimbio e de elaboración de velas artesanais.

Ao mediodía, ás 12:30 horas, Os Pelúdez entre nós, os Xigantes e Cabezudos e Cántigas e Frores percorrerán a praza Maior, Campo Castelo, rúa San Pedro, Progreso e Raíña. Á mesma hora haberá un pasarrúas de Biouteiro polo barrio da Ponte.

A praza de Santa María concentrará parte da programación musical coa celebración do Festival de Corais San Froilán 2026, con actuacións entre as 13:00 e as 14:00 horas e entre as 18:00 e as 20:00 horas. Participarán Cantar Delas, Coral Xolda, Xove Coro de Lugo, Solo Voces, Amigos do Camiño, Lugh, Coro Hospital, Orfeón Lucense, Schola Gregoriana Lucensis, Ecos do Miño, Coro Fingoi, Coro Xuvenil de Lugo e Orfeón Xoán Montes.

Pola súa banda, a Banda Municipal de Música actuará ás 13:30 horas no templete da praza Maior, mentres que a partir das 17:00 horas o patio do Edificio Administrativo do Concello acollerá o espectáculo San Froilán é Danza, con Magie Dance, Victoria Gil, Mercedes Castro, Ritmo Lugo, Gravitty e Star Dance.

A programación da tarde completarase con actuacións e pasarrúas en diferentes puntos da cidade. A Volta do Agro actuará ás 18:00 horas na praza de Santo Domingo e Miro Casabella Ensamble ofrecerá un concerto ás 19:00 horas na igrexa de San Pedro, dentro de X Cultura e Tradición no Camiño.

Biouteiro volverá ás rúas ás 19:30 horas, cun percorrido pola avenida da Coruña, desde A Medusa, a praza Viana do Castelo e a praza Agro do Rolo. Ás 20:00 horas será a quenda de Tambukda, polo Campo Castelo, rúa San Pedro, Raíña e praza de Santo Domingo, e de Trastiños de Castelo, pola avenida Adolfo Suárez e o Sagrado Corazón.

A partir das 22:30 horas, A Duendeneta actuará na praza da Soidade, antes do concerto de Nil Moliner na praza do Seminario.

As festas contan tamén desde o pasado 26 de setembro coa presenza das casetas do polbo e das barracas, que continuarán durante toda a celebración do San Froilán.

0.40437984466553