«Non estamos dispostas a asumir que a resposta sexa o silencio»: a Marcha Mundial das Mulleres pide respostas claras ante o novo curso nun instituto ourensán

O colectivo feminista denuncia que non logrou reunirse coa Administración educativa para coñecer as medidas previstas tras as agresións machistas denunciadas o curso pasado no IES Xulio Prieto Nespereira
concentracion_MMM
1 Sep 2026

"Non estamos dispostas a asumir que a resposta institucional sexa o silencio, a demora, a opacidade ou a normalización." Con estas palabras, a Marcha Mundial das Mulleres de Ourense resumiu este martes o seu malestar diante das oficinas de Inspección Educativa, onde se concentrou para reclamar información sobre as medidas que se van adoptar de cara ao curso 2026-2027 no IES Xulio Prieto Nespereira.

O colectivo xa vén facendo un seguimento deste caso desde o mes de xuño, cando levou a cabo unha primeira acción diante do propio centro para denunciar situacións de violencia que, aseguraban entón, xa eran coñecidas polo instituto.

Segundo explican desde a organización feminista, o peche do curso anterior non pode supor o peche do asunto, nin o comezo dun novo ano académico pode significar que todo quede igual. Lembran que durante o curso pasado se fixeron públicas denuncias por agresións machistas que afectan a un docente e a outro traballador do centro, o que deu lugar á apertura de expedientes, e reclaman que a Administración educativa asuma a súa responsabilidade.

Entre as cuestións que demandan coñecer figuran que actuacións levou a cabo Inspección Educativa desde entón, que medidas adoptou a Dirección Territorial, que grao de coñecemento e intervención tivo a Consellería de Educación, que medidas de protección se puxeron en marcha e que acompañamento recibiron as persoas afectadas. Tamén esixen garantías de que este tipo de situacións non se repitan nin queden silenciadas no futuro.

Para o movemento feminista, a lentitude e a ineficacia administrativa son en si mesmas unha forma de desprotección, polo que consideran inaceptable que quen denuncia unha situación de violencia teña que afrontar en soidade as consecuencias de dar ese paso. Por iso manteñen as súas esixencias á Inspección Educativa, á Dirección Territorial e á Consellería de Educación: unha actuación inmediata sen dilacións burocráticas, investigacións rigorosas e transparentes que manteñan informadas ás familias, medidas cautelares cando sexan necesarias sen esperar á resolución dun expediente, acompañamento efectivo ás persoas afectadas —sobre todo cando se trata de menores— e protocolos claros que indiquen que facer, quen debe actuar e como protexer ás vítimas.

"Queremos centros educativos nos que as equipas directivas e o claustro non ollen para outro lado, nos que as nosas fillas sexan escoitadas, acompañadas e protexidas, e unha Administración que actúe antes de que o dano sexa maior", conclúen desde o colectivo, que insiste en que a burocracia non pode substituír a responsabilidade e que o silencio institucional "nunca pode ser a resposta" ante as violencias machistas, xa que, aseguran, "protexe ao agresor e desprotexe ás vítimas".

A concentración deste martes rematou sen que as familias afectadas puidesen falar coa Dirección Territorial, que alegou a ausencia da inspectora e do delegado territorial. Segundo relata a Marcha Mundial das Mulleres, un despregue policial que cualifican de "inaudito" impediu ademais calquera comunicación entre as nais e a Administración durante a xornada.

0.32526707649231