O Albariño de Cambados dá o pistoletazo de saída á súa 74ª edición cun amplo programa

A Festa do Albariño de Cambados arrancou este mércores coa apertura oficial da súa LXXIV edición, convertendo de novo a vila do Salnés no epicentro do viño galego. A celebración, considerada a primeira festa do viño de Galicia e a segunda máis antiga de España, iniciou a súa programación coa inauguración das 42 casetas instaladas no Paseo da Calzada, nas que participan un total de 44 adegas da Denominación de Orixe Rías Baixas.
Numerosos veciños e visitantes participaron na apertura da festa, que estivo marcada polo tradicional percorrido das autoridades polas casetas, saudando aos adegueiros e brindando con Albariño Rías Baixas nas tres cooperativas presentes no recinto.
O acto estivo encabezado polo alcalde de Cambados, Samuel Lago; o presidente do Consello Regulador da D.O. Rías Baixas, Isidoro Serantes; o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López; e a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, entre outras autoridades, que coincidiron en destacar a importancia dunha celebración declarada de Interese Turístico Internacional e convertida nun referente da enogastronomía.
O presidente da Denominación de Orixe Rías Baixas, Isidoro Serantes, definiu a cita como "a festa do viño máis importante da D.O. Rías Baixas", subliñando a capacidade que ten para atraer público de todas as idades, especialmente mozos. Ademais, convidou aos asistentes a participar no XV Túnel do Viño, unha actividade organizada polo Consello Regulador que xa suma quince edicións e continúa medrando tanto en número de visitantes como de marcas participantes.
Pola súa banda, a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, asegurou que a Festa do Viño Rías Baixas Albariño de Cambados constitúe unha cita ineludible para poñer en valor o traballo desenvolvido pola denominación de orixe. A responsable autonómica destacou o recoñecemento internacional dos viños Rías Baixas e puxo como exemplo o incremento das vendas nos Estados Unidos malia as dificultades do mercado, un feito que, segundo afirmou, demostra o bo momento que atravesa o sector vitivinícola galego.
Tamén o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, incidiu no impacto que ten esta celebración para a promoción turística da provincia. "Non se entende o verán nas Rías Baixas sen a Festa do Albariño", afirmou, ao tempo que lembrou o incremento do turismo internacional rexistrado este ano e destacou a aposta da institución provincial pola promoción do territorio a través do patrimonio natural, da cultura, da gastronomía e do viño.
Pechou as intervencións o alcalde de Cambados, Samuel Lago, quen puxo en valor o pregón pronunciado polo actor cambadés Flako Estévez e salientou o importante dispositivo organizativo que require unha celebración que chega a reunir máis de 200.000 persoas nun municipio de apenas 14.000 habitantes. Segundo explicou, os primeiros días da festa son especialmente significativos porque permiten aos veciños compartir a celebración con familiares e amigos arredor "do mellor viño branco do mundo".
A Cata Concurso avaliará 60 marcas da anada 2025
Outro dos actos centrais da programación será a XXXVIII Cata Concurso Albariño Rías Baixas, na que participarán 24 catadores, doce deles integrantes dun panel externo formado por sumilleres, enólogos, críticos especializados e profesionais do sector procedentes de diferentes puntos de España.
O xurado avaliará un total de 60 marcas de Albariño Rías Baixas correspondentes á anada 2025, recentemente cualificada como "Moi Boa". A Cata Prima celebrarase este xoves ás 10.00 horas no Salón Bazán do Parador de Cambados e continuará o venres coa Cata Derradeira.
O XV Túnel do Viño abrirá este xoves
A programación profesional continuará este xoves coa inauguración oficial do XV Túnel do Viño, prevista para as 12.30 horas no Salón José Peña.
Ata o sábado, este espazo permitirá degustar 212 marcas pertencentes a 81 adegas da Denominación de Orixe Rías Baixas. Os asistentes poderán probar viños da anada 2025 e doutras colleitas, así como espumosos e elaboracións especiais, entre elas viños sobre lías, criados en madeira e procedentes de parcelas ou fincas singulares.
As catas desenvolveranse en sesións de hora e media, tanto en horario de mañá como de tarde, coa asistencia dun sumiller profesional que asesorará aos participantes. O prezo da entrada será de 25 euros por sesión.