O Arde Lucus despídese este domingo en Lugo co concerto de Abraham Cupeiro na Praza de Santa María

O Arde Lucus afronta este domingo o seu peche en Lugo cunha xornada na que a programación combina actividades de recreación histórica, espectáculos itinerantes e actos simbólicos que culminarán co concerto de Abraham Cupeiro na Praza de Santa María, previsto para as 22:30 horas.
Desde as 11:00 horas, as rúas da cidade volven acoller espectáculos itinerantes organizados por Bakan, Kaltie, Grimorium, Malatitsch, Trip Malabar, Turdión, Gravity, Tympana Galaica, Tambukada, Fauno e Títeres, mantendo o ambiente festivo ao longo da mañá.
Ás 11:30 horas concéntranse varias propostas simultáneas: o desfile dos Scholarvm, con participación de centros educativos de Lugo, entre a Praza Maior e a Ronda da Muralla; a representación “Teatrvm: Venda de escravos”, da Asociación Curuxán, nas escaleiras da Praza de Abastos; e “Entvertvs Legalis”, das Asamblearias de Lvcvs Avgvsti, nos xardíns do Museo Provincial.
Ás 12:00 horas continúan as actividades coas propostas “Remedios naturais da curandeira galaica”, de Lvgdvnvm, no Parque Rosalía de Castro; “Mitos e moralejas para os mortais”, de Kértix, na avenida Rodríguez Mourelo; e “Teatrvm: De Nihilo Victoria”, de Juan Casaveteiro, na Praza Maior. Pouco despois, ás 12:15 horas, o Clan de Breogán protagoniza o asalto ao poboado castrexo no Parque Rosalía de Castro.
Ás 12:30 horas celébrase unha nova función de loita de gladiadores de Ars Dimicandi na Praza Maior, seguida ás 13:00 horas pola obra “Teatrvm: Pesadilla na noite”, de Pinchacarneiro, tamén na Praza Maior, e polas Lendas da Muralla na Porta de San Pedro. Ás 13:30 horas represéntase o “Nacemento dun pobo galaico-romano” na zona da Mosqueira.
Pola tarde, ás 16:00 horas, os Xogos Píticos toman a explanada do Pavillón Municipal, mentres que ás 17:00 horas se desenvolven propostas como os bautizos celtas na Praza Maior, o Circvs Maximvs Infantil no Pavillón ás 19.00 horas (cambiado o horario por mor das altas temperaturas), e obradoiros infantís no Parque Rosalía de Castro. A programación continúa ás 17:30 horas coa construción dunha coracle a cargo de Tir Na N’Og.
Ás 18:00 horas celébrase a “Lavdatio Fvnebris” de Pax Romana na Praza da Constitución e unha nova loita de gladiadores na Praza Maior. Ás 18:30 horas teñen lugar as vodas celtas e o espectáculo “Aquilea e Amazon enfróntanse na area” no Parque Rosalía de Castro.
Ás 19:00 horas represéntase novamente “De Nihilo Victoria” na Praza Maior, mentres que ás 21:30 horas se leva a cabo o apagado do lume sagrado de Vesta por parte das vestais de Lvcvs Avgvsti na Praza Maior, nun dos actos simbólicos de clausura da festa.
A despedida definitiva chegará ás 22:00 horas co espectáculo de lume de Malatitsch na Praza Anxo Fernández Gómez e, xa ás 22:30 horas, co concerto de Abraham Cupeiro na Praza de Santa María, que porá o broche final a unha nova edición do Arde Lucus.