O BNG alerta do elevado prezo das vivendas para alugueiro en Vigo, que superan o mil euros mensuais

A fronte nacionalista reclama “máis feitos e menos anuncios” do Goberno de Abel Caballero ante a situación de “emerxencia habitacional” na cidade
viviendas
29 May 2026

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) volve reclamar “máis feitos e menos anuncios” do Goberno de Abel Caballero ante a situación de “emerxencia habitacional” en Vigo. A fronte nacionalista alerta de que a situación “continúa a agravarse de forma alarmante” con máis da metade das vivendas dispoñíbeis para alugueiro residencial, un total de 240, con prezos que superan os 1.000 euros mensuais.

O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, cargou este venres contra a Xunta de Galiza e contra o Concello de Vigo pola súa “inacción” en materia de vivenda diante dun contexto que, advertiu, está impedindo o acceso a este dereito básico a un cada vez maior número de familias traballadoras e de mocidade da cidade.

Igrexas reprochou que o Goberno Galego do PP se limite a anunciar “unha e mil veces” as mesmas vivendas do Plan Parcial de Navia, que asegurou van ser insuficientes para atender a demanda de vivenda protexida. “Mesmo cando estean construídas dentro de varios anos, deixarán sen opción a máis do 80% das 10.000 viguesas e vigueses rexistradas como demandantes”, criticou.

A respecto do Goberno de Caballero, o portavoz municipal nacionalista cualificou de “estafa política” os proxectos anunciados en materia de vivenda por “querer simular que queren facer algo” pero sen tomar ningunha medida concreta nin efectiva. “Desde o BNG volvemos esixir unha resposta de verdade, con feitos, non con anuncios; con recursos, non con promesas”, defendeu, chamando a que o Concello “mobilice todos os inmensos recursos e capacidades” para garantir este dereito.

Igrexas censurou ademais a resposta da primeira tenente de alcalde, Carmela Silva, ao reclamo realizado por máis de 15 colectivos e entidades da cidade para dotar Vigo dun parque de vivenda pública. “É intolerábel que a súa resposta sexa desprezalos e descualificalos”, afeou.

“Entendemos que desde un luxoso chalé en Toralla e cuns ingresos anuais de máis de 100.000 euros, case 6 veces o salario minimo, para a señora Silva o problema da vivenda non é unha preocupación”, reprochou o voceiro do Bloque, lembrándolle que “si o é para a ampla maioría social da cidade”.

0.33991599082947