O BNG chama a unha grande mobilización o 11N e o 29N para que Galiza saia da discriminación e poida decidir o seu futuro

A candidata Carme da Silva insta a romper coa dicotomía do bipartidismo e apoiar con convicción "a quen representa o país"
carme-silva-manifestaacion-eleccions
6 Nov 2026

O BNG chamou hoxe a unha grande mobilización social na folga xeral do vindeiro 11 de novembro e tamén nas eleccións xerais do 29N para que Galiza saia da discriminación, galegas e galegos vexan solucións aos seus problemas reais e o país gañe capacidade para decidir e condicionar as políticas do Estado. Así o trasladou a cabeza de lista do BNG ao Congreso, Carme da Silva, tras o encontro coa executiva comarcal da CIG de Vigo, no que participou xunto ao voceiro municipal Xabier P. Igrexas, outros integrantes da candidatura e a responsable local nacionalista.

Carme da Silva situou o 29 de novembro como unha oportunidade para romper coa dicotomía do bipartidismo e apoiar a quen defende os intereses de Galiza. “O 29N vai de romper co bipartidismo, de apoiar a quen nos representa, de votar con convicción para ter un futuro mellor, de votar por quen vai contra a discriminación de Galiza e das súas traballadoras e traballadores”, afirmou. Defendeu que o país precisa ter peso político para que os problemas da sociedade galega estean na axenda e reciban respostas, fronte ao modelo de PP e PSOE que continúa a relegar Galiza.

A nacionalista advertiu de que a vida das galegas e galegos é cada vez máis difícil nun contexto de encarecemento do custo da vida, baixos salarios, pensións insuficientes e precariedade laboral. Puxo enriba da mesa que Galiza rexistra unha das taxas de inflación máis elevadas do Estado, cun 5,5 % no dato de setembro, unha situación que repercute directamente nas economías das familias.

Da Silva puxo tamén o foco nas condicións laborais e na situación da sanidade pública para cuestionar o discurso do PP sobre o absentismo. Lembrou que, até agosto, Galiza rexistrara 29 mortes por accidente laboral e máis de 19.000 accidentes con baixa. “É absolutamente indecente que se culpabilice a traballadores e traballadoras que están nunhas condicións laborais e de saúde terribles”, denunciou.

Neste sentido, criticou que o PP de Feijóo reclame sacrificios ás clases traballadoras mentres a Xunta recorta e privatiza servizos públicos básicos, especialmente a sanidade, e non asume responsabilidades.

A candidata cuestionou igualmente as prioridades do goberno do PSOE, que se presenta como o máis progresista da historia pero mantén vixentes a reforma laboral aprobada polo PP e a chamada ‘Lei Mordaza’. Sinalou tamén que, fronte ao discurso de ser un goberno social, desde o 25 de agosto, o executivo estatal aprobou máis de 12.000 millóns de euros de gasto militar fronte aos 200 millóns destinados a vivenda. “Para mísiles, balas e tanques, máis de 12.000 millóns; para a vivenda, 200 millóns. Iso marca moi ben cales son as súas prioridades”, reprochou.

Da Silva tamén considerou insuficiente a proposta de situar o salario mínimo interprofesional en 1.286 euros, unha contía que continúa por baixo do 60 % do salario medio. Fronte a estas políticas, reivindicou a posición do BNG de que os recursos públicos “teñen que ser para mellorar a vida das persoas, dos traballadores e das traballadoras, das pensionistas, para garantir un sistema de pensións públicas, non para seguir alimentando o monstro da guerra”.

A cabeza de lista do Bloque pechou a súa intervención expresando a súa convicción de que Galiza será o 11 de novembro un exemplo para o conxunto do Estado, cunha mobilización masiva. “Vai ser vangarda do Estado, exemplo dunha sociedade que se revela, que se move e que non se resigna”, afirmou. Unha mobilización social que, ao seu xuízo, debe ter continuidade o 29N cunha gran mobilización de apoio ao BNG. “Fagámolo con convicción, con ilusión e con esperanza, porque os galegos e as galegas merecemos un futuro mellor e pelexar por este país e polas súas clases traballadoras merece todos os esforzos”, concluíu.

Pola súa banda, Xabier P. Igrexas puxo o foco na situación económica e laboral de Vigo e da súa comarca, marcada polo incremento do paro rexistrado (con máis de 15.000 persoas sen ter en conta ERS nin persoas en itinerario de formación), a perda de postos de traballo na industria e unha aposta cada vez maior polo sector servizos, que condiciona o desenvolvemento económico da bisbarra e favorece o empobrecemento das condicións laborais. O voceiro nacionalista alertou tamén do incremento da carestía da vida, dunha situación social na que hai filas da fame con arredor de 300 persoas todos os días e dun mercado inmobiliario no que o prezo da vivenda acumula unha suba superior ao 70 %.

Ante esta realidade, Igrexas advertiu de que o 29N é unha oportunidade para impedir novos retrocesos antisociais da dereita e da extrema dereita, pero tamén para non continuar coas políticas do mesmo de sempre. “Vai ser determinante que o BNG teña máis forza, porque iso significa máis capacidade para desenvolver políticas comprometidas coa maioría social, co emprego digno, cos servizos públicos e cun futuro mellor para Vigo e para Galiza”, subliñou.

Finalmente, o secretario comarcal da CIG Alberto Gonçalves Herrero subliñou que a folga xeral do 11N é unha emenda á totalidade do goberno do PSOE e Sumar e das políticas da Xunta. Lembrou os anos de deterioro de servizos públicos destacando a sanidade e a educación no caso do goberno galego, e o engano do goberno progresista madrileño, que levou a máis precariedade e a non fomentar un sistema de pensións digno. “Fixeron promesas e non cumpriron”, lamentouse, alertando tamén das súas políticas en vivenda e gasto militar. Subliñou que a folga do 11N é “unha mensaxe a calquera goberno que veña”, advertindo que se non hai un cambio de situación haberá máis folgas e mobiliizacións porque “a loita é o único camiño”.

0.33363819122314