O BNG de Vigo abandona o Pleno en protesta pola negativa de Caballero a comparecer no tema Saltamontes

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) abandonou este venres o Pleno extraordinario polo accidente mortal do Saltamontes en protesta pola negativa do alcalde de Vigo, Abel Caballero, a comparecer e dar explicacións. A fronte nacionalista acusou o Goberno municipal de converter a sesión, convocada pola oposición, nunha “pantomima” polo veto do rexedor a dar explicacións pasados 686 días do tráxico suceso e da recente imputación por homicidio imprudente da concelleira de Seguridade, Patricia Rodríguez Calviño.
“O BNG non imos lexitimar este Pleno fake e diante da súa negativa a se someter a ningunha pregunta e a dar as respostas que a cidadanía merece, en protesta diante deste novo atropelo antidemocrático, vamos a abandonar esta sesión de cartón-pedra”, criticou o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, antes de abandonar o salón plenario. “Queden vostedes co seu teatro”, remachou.
Igrexas asegurou durante a súa intervención que “oxalá este Pleno non se tivese que celebrar”, porque significaría que o veciño Iván Castaño non tería perdido a vida con 36 anos nunha atracción de feira en agosto de 2024, nin habería dúas persoas con lesións graves. “Que a veciñanza de Matamá non tería recibido un golpe tan duro ao ver convertidas as súas festas nunha traxedia”, afirmou.
Un Pleno extraordinario que, subliñou Igrexas, foi consecuencia da reacción do Goberno municipal cun “silencio tan insoportábel como indignante” após o fatídico accidente. “Que en lugar de fuxir de dar conta diante deste Pleno se tivesen dado, con total transparencia e claridade, todas as explicacións e se tivesen respondido todas as preguntas”, valorou, engandido que “oxalá que as únicas declaracións da concelleira de Seguridade non fosen para lamentar a filtración xornalística da súa incualificábel declaración en sede xudicial”.
As preguntas que Caballero non quere responder
O portavoz municipal do Bloque interpelou Abel Caballero coas preguntas que, dixo, o alcalde leva case dous anos sen responder. “Que diría o grupo municipal socialista se un accidente mortal se producise nun evento organizado pola Xunta de Galiza ou pola Deputación de Pontevedra gobernadas polo PP?”, retrucou, desafiando o rexedor a mirarlle aos ollos, diante da mirada esquiva de Caballero. “Que dirían se se negase a comparecer, bloquease reiteradamente a creación dunha comisión de investigación e ratificase de forma incomprensíbel a súa confianza na persoa imputada?”, engadiu.
Igrexas asegurou que estas preguntas son “o espello do cinismo oportunista, da irresponsabilidade política e da precaridade no humano” do alcalde de Vigo. Entre as cuestións, lembrou que 686 días despois do accidente mortal segue sen coñecerse o motivo de que non se ordenase o precinto da atracción do Saltamontes que non contaba con autorización municipal cando levaba funcionando dous días nas festas.
Tampouco sobre o papel de Rodríguez Calviño, que non aclarou se existe un protocolo de actuación nestes casos ou, como defendeu a edil de Seguridade en sede xudicial, se a súa xestión se limita a supoñer que a Policía Local vai actuar de oficio. “686 días despois non se asumiu ningunha responsabilidade, non se recoñeceu ningún erro ou insuficiencia e non se despregou ningunha medida concreta para evitar que o que sucedeu en Matamá volva pasar nunca máis”, acusou Igrexas.
“O alcalde non comparece porque non quere”
O voceiro municipal nacionalista rexeitou a pretensión do grupo socialista de xustificar a falla de explicacións do rexedor en “interpretacións normativas que supoñen vulnerar dereitos fundamentais e que van en contra da xurisprudencia consolidada”. Afirmou que se hoxe non se sometou ao control do Pleno é porque Abel Caballero “falador como poucos, que todo comenta e sobre todo opina non quere”.
Lembrou que o Bloque deu a oportunidade ao rexedor de rectificar o seu “silencio infame” coa solicitude dunha comparecencia urxente na sesión plenaria. Unha iniciativa que recibiu as críticas de “tibieza” por parte do PP, pero que Igrexas cualificou de “responsabilidade política” da fronte nacionalista.
“É a demostración práctica de que o BNG non xogamos ao canto peor, mellor. Que non vimos a chapotear nunha desgraza nin desfrutamos ao ver, tal e como constata o auto do Xulgado de Instrución, que a xestión neglixente do seu Goberno acabou por se tornar condición de posibilidade para que o accidente que lle custou a vida a un veciño desta cidade tivese lugar”, defendeu Igrexas.
Insistiu en que a decisión de Caballero de vetar a comparecencia foi “ilegal” e o “último rubicón da súa deriva autocrática”, por considerar que é o grupo de goberno quen decide se teñen que dar explicacións. “Un alcalde que se nega a comparecer diante de feitos tan graves non é digno de seguir sendo alcalde”, remachou.