O BNG de Vigo apoia a folga do metal polo "irresponsable bloqueo patronal"

A fronte nacionalista denuncia o “silencio cómplice” do Goberno municipal e da Xunta e reivindica a loita do sector como “chave para o futuro industrial de Vigo”
manifesacion-convenio-metal-pontevedra
14 May 2026

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo, trasladou este xoves o “total apoio” ás traballadoras e traballadores do metal e mais do comercio do metal da provincia de Pontevedra, que este xoves protagonizan a terceira xornada de folga na defensa de “convenios dignos” e da mellora das condicións laborais e salariais.

O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, quixo “recoñecer publicamente o exemplo de dignidade” que está a dar o persoal do metal “fronte ao irresponsábel enroque patronal que está a bloquear a negociación colectiva”. Nese sentido, defendeu que as reivindicacións sindicais “son xustas e necesarias” para frear “o empobrecemento salarial e os abusos patronais” que padecen milleiros de traballadores e traballadoras.

“O persoal do metal merece poñer fin á perda de poder adquisitivo, pero tamén avanzar en dereitos laborais, en estabilidade no emprego e en garantías de saúde laboral diante de xornadas e ritmos de traballo insoportábeis”, afirmou Igrexas.

As organizacións sindicais reclaman un novo convenio colectivo que garanta a recuperación do poder adquisitivo mediante cláusulas de revisión salarial ligadas ao IPC, fronte ás propostas patronais consideradas insuficientes. Entre as demandas figuran tamén a redución real da xornada laboral, límites á subcontratación e á precariedade, regulación da contratación fixa descontinua, melloras na saúde laboral —especialmente fronte ao estrés térmico no sector naval— e garantías de subrogación para protexer os empregos nos cambios de contratas.

No caso do comercio do metal, as organizacións sindicais demandan que o novo convenio garanta subas salariais con revisión ligada ao IPC, o mantemento da cobertura do 100% das baixas desde o primeiro día, impedir a absorción de pluses, melloras na xubilación parcial e regulación da subrogación, limitando tamén a subcontratación e a precariedade laboral

Silencio cómplice

Igrexas cargou ademais contra a actitude das administracións diante do conflito laboral. “Neste conflito non caben equidistancias”, advertiu, denunciando “o silencio cómplice tanto do Goberno municipal de Abel Caballero como dunha Xunta de Galiza que actúa como aliada do empresariado”.

“Nós sabemos perfectamente de que lado da trincheira estamos: sempre a carón da maioría social que representan as traballadoras e traballadores”, asegurou, reivindicando “o dereito irrenunciábel a vivir con dignidade dun traballo estábel e con dereitos”.

O portavoz municipal nacionalista subliñou tamén o carácter estratéxico da mobilización do metal para o conxunto da cidade e do País. “A loita do metal é moito máis que un conflito sectorial, historicamente abriu o camiño para a conquista de mellores condicións laborais e segue sendo decisiva para o futuro produtivo e industrial de Vigo”, afirmou.

Neste sentido, Igrexas contrapuxo dous modelos de cidade. “O futuro de Vigo non pasa polo monocultivo das luces de Nadal nin do Xacobeo. O noso futuro pasa por desenvolver todas as nosas potencialidades produtivas e industriais”, defendeu, advertindo de que “a competitividade do tecido empresarial non pode sosterse sobre a precariedade e a explotación laboral”. “Non podemos asumir como normal que ter un emprego xa non impida caer na pobreza”, engadiu.

O BNG trasladou finalmente “todo o alento” ás persoas traballadoras mobilizadas e puxo en valor “a tradición de loita dunha cidade forxada coa forza dun potente movemento obreiro”.

0.27285385131836