O BNG de Vigo critica o traslado do Cíes Market e a nora de Nadal á contorna de Vialia

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo vén de reclamar transparencia ao Goberno municipal a respecto do deseño dos espazos e actividades de Nadal e demanda ue se lle informe de maneira detallada sobre a hipótese de que o Cíes Market e a nora se trasladen á contorna de Vialia. A fronte nacionalista celebra que, despois de varios anos, o Executivo de Abel Caballero queira rectificar e deixar de vandalizar os xardíns históricos da Alameda, pero advirte de que o traslado non pode supor reproducir noutra zona da cidade os mesmos problemas.
O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, considera que cómpre abordar un cambio de modelo que descentralice e disperse as actividades, atraccións e o mercado de Nadal por diferentes zonas da cidade, fronte á concentración que, segundo denuncia, provocou inseguridade e un continuado malestar á veciñanza.
Igrexas expresou a súa preocupación polas informacións sobre o posíbel traslado a Vialia e advertiu de que a experiencia do ano pasado co chamado Vialia On Ice non aconsella concentrar de novo toda a actividade nese punto.
“Falamos dun centro comercial que xa está masificado durante as semanas previas ao Nadal, pero tamén do principal acceso á estación de tren e a intermodal, situado nunha trama viaria que xa se viu completamente colapsada a nivel de tráfico, tanto en Vía Norte como en Urzaiz”, explicou.
O portavoz municipal nacionalista reclama que o Goberno municipal explique exactamente que medidas prevé adoptar para evitar problemas de circulación, garantir o tránsito dos vehículos de emerxencia e compatibilizar as actividades de Nadal co acceso á estación ferroviaria e á intermodal.
Tamén demanda garantías para o descanso da veciñanza das rúas da contorna, especialmente ante o ruído que poida provocar o mercado. “O Goberno municipal de Abel Caballero ten que deixar de agocharse e dar a cara. Ten que explicar exactamente que medidas se van adoptar en materia de mobilidade, seguridade e ruído, para que esta decisión non supoña simplemente castigar a outra zona da cidade co mesmo calvario que representou durante anos o mercado e a nora na alameda”, advertiu.
O BNG insiste en que a solución non pasa por desprazar a concentración de actividades da Alameda a Vialia, senón por planificar o Nadal cunha distribución máis equilibrada e tendo en conta as necesidades da veciñanza e a dinámica diaria da cidade.
Neste sentido, Igrexas formula tres cuestións que considera fundamentais para que o Goberno local dea explicacións: “Como vai garantir o Goberno local que non colapse o tráfico nas inmediacións asegurando que poidan transitar de maneira áxil vehículos de emerxencia? Que medidas vai adoptar para evitar que o ruído que provoca o mercado non impida o descanso da veciñanza de Vía Norte e as rúas da contorna? Como se vai evitar que a masificación non sexa un obstáculo para acceder á propia estación de tren ou a intermodal?”
O portavoz municipal do BNG reclama que Abel Caballero responda canto antes e faga públicas as medidas previstas antes de tomar decisións que poidan comprometer a mobilidade e o descanso da veciñanza.
“Son as tres preguntas básicas que ten que contestar Caballero, e ten que facelo canto antes, porque aínda estamos a tempo de evitar que malas decisións improvisadas nos condenen a outro nadal insoportábel para as viguesas e vigueses”, concluíu.