O BNG de Vigo denuncia as numerosas deficiencias no campo de fútbol de Sampaio

Acusa o Goberno municipal de “falla continuada de mantemento” da instalación malia as reiteradas solicitudes realizadas polo Unión Sampaio CF nos últimos anos
campo-de-futbol-sampaio-vigo
4 Sep 2026

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) demanda actuacións urxentes para resolver as numerosas deficiencias no campo de fútbol de Sampaio. A fronte nacionalista acusa o Goberno municipal de Vigo de “falla continuada de mantemento e conservación” pese ás reiteradas solicitudes realizadas dende o Unión Sampaio CF, usuario da instalación deportiva.

O concelleiro do BNG, Filipe Abalde, advertiu de que estas deficiencias son coñecidas dende hai anos polo Concello sen que se teña actuado para corrixilas. “Non se tratan de feitos illados ou sobrevidos”, asegurou, denunciando que o campo de fútbol non conta cunhas condicións adecuadas de funcionalidade, salubridade e dignidade para a práctica deportiva. Uns feitos que foron trasladados polo Bloque na Comisión Informativa de Deportes do pasado luns, e que xa fora demandada en 2023.

“Tanto nunha ocasión como noutra a resposta do concelleiro de Deportes, Manel Fenández, foi o silencio, deixando ben as claras que o mantemento das instalacións deportivas non está na axenda deste Goberno municipal”, afeou Abalde.

Entre as eivas, sinalou a deterioración dos valados que rodean o campo con partes fracturadas e oxidadas, focos obsoletos na torre de iluminación e tapados por árbores, cisternas e caldeira avariadas, humidades e defectos nos vestiarios, problemas de drenaxe do campo cando se producen choivas, numerosas fochancas no aparcadoiro e a situación precaria da porta de acceso.

Abalde considerou que a persistencia destas deficiencias resulta “especialmente preocupante” nunha instalación de titularidade municipal e que representa un “evidente agravio” para o club e para as persoas usuarias. “Non é xustificábel que unha entidade deportiva teña que padecer durante períodos prolongados deficiencias que corresponden ao Concello resolver”, afirmou.

O concelleiro do BNG lembrou que a conservación axeitada das dotacións deportivas municipais “debe responder a criterios de igualdade e de calidade dos servizos públicos” para evitar “situacións de discriminación” entre clubs e instalacións. “O deporte vigueś o que precisa é atención e solucións, en lugar da política de maltrato continuado do Goberno de Caballero”, defendeu.

0.31962299346924