O BNG de Vigo esixe a Caballero que deixe de ser cómplice e actúe contra os pisos turísticos

A fronte nacionalista reclamará no Consello da Xerencia de Urbanismo información sobre inspeccións, sancións e expedientes contra vivendas de uso turístico ilegais
xabier-p-igrexas-vigo-bng
5 Oct 2026

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo interpelará mañá directamente ao Goberno municipal de Abel Caballero no Consello da Xerencia de Urbanismo para esixir explicacións sobre as medidas que está a adoptar para frear o fenómeno dos pisos turísticos e o seu impacto sobre a dispoñibilidade de vivenda residencial.

O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, reclamará ao Goberno local que informe de cantas inspeccións realizou, cantos expedientes sancionadores abriu e de cantas vivendas de uso turístico que operan ilegalmente solicitou á Xunta a baixa do rexistro autonómico.

“A pregunta é moi sinxela: que está facendo o Concello? Cantas inspeccións realizou? Cantos expedientes abriu? Cantos pisos turísticos ilegais está reclamando que sexan retirados do rexistro da Xunta?”, sinalou Igrexas.

A fronte nacionalista denuncia o que cualifica como “boom ultraespeculativo” dos pisos turísticos e alerta do desequilibrio existente entre a oferta destinada ao turismo e a dispoñibilidade de vivenda para residencia habitual. Vigo conta actualmente con arredor de 2.000 pisos turísticos fronte a unhas 300 vivendas dispoñíbeis para alugueiro residencial, polo que existirían case sete pisos turísticos por cada vivenda dispoñíbel para alugueiro. A fronte nacionalista advirte ademais do incremento dos alugueiros de tempada, que engaden presión sobre unha oferta residencial xa moi limitada.

Igrexas contrapuxo esta situación coa evolución dos prezos: “os datos son dramáticos e demostran un desequilibrio insostíbel”. O portavoz nacionalista sinalou que, segundo os datos do BNG, desde 2016 os prezos dos alugueiros en Vigo aumentaron un 70%, máis do dobre do incremento do IPC xeral no mesmo período.

Para o BNG, a ordenanza municipal reguladora das vivendas de uso turístico non pode converterse nunha simple declaración normativa sen unha aplicación efectiva. A regulación municipal establece precisamente condicións urbanísticas, técnicas e administrativas para a implantación, funcionamento e control das VUT no termo municipal.

“A ordenanza municipal demostrou ser un auténtico bluff, un instrumento baleiro se non vai acompañado de vontade política, inspección e sanción”, criticou Igrexas. Por iso, a fronte nacionalista reclama a posta en marcha dun Plan Municipal de Control e Inspección das Vivendas de Uso Turístico, con medios suficientes para identificar as actividades que incumpren a normativa e facer efectiva a disciplina urbanística.

“Non vale escusarse no rexistro da Xunta, que é un auténtico coadoiro sen filtros. O Concello ten competencias urbanísticas claras e ten a obriga de fiscalizar a legalidade, a habitabilidade e a seguridade destas vivendas”, afirmou.

O BNG reclama tamén que o Goberno municipal aplique as posibilidades abertas pola normativa estatal para que as comunidades de propietarios poidan limitar ou impedir determinados usos turísticos dos inmóbeis.

Igrexas advertiu de que a proliferación de vivendas destinadas ao alugueiro turístico e de tempada non pode abordarse como un fenómeno alleo á emerxencia habitacional que vive Vigo. “Temos que poñer fin a esta barra libre especulativa. O negocio duns poucos non pode seguir negando o dereito fundamental á vivenda e expulsando a nosa veciñanza dos barrios de Vigo”, defendeu.

O portavoz municipal do BNG reclamou así ao Goberno de Caballero que abandone a pasividade e exerza as competencias municipais para garantir que o uso turístico das vivendas se axuste á legalidade e non continúe reducindo a oferta residencial. “Abel Caballero ten que deixar de ser cómplice, por omisión, da peor e máis grave forma de rendismo especulativo que son os pisos turísticos”, remachou Igrexas.

0.27412509918213