O BNG de Vigo esixe á Xunta un reforzo nos centros de saúde para evitar no verán o “colapso sanitario”

Considera especialmente preocupante o impacto da falla de persoal na atención pediátrica e para as persoas maiores e con enfermidades crónicas
ana-ponteon-xabier-perez-igrexas-vigo
29 May 2026

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo urxiu este xoves ao Sergas a activar “de inmediato” os reforzos de persoal necesarios en todos os centros de saúde da cidade e tamén no Punto de Atención Continuada (PAC) para evitar que Vigo “volva sufrir este verán o día da marmota sanitaria”.

O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, advertiu de que nas últimas semanas xa se está a producir un incremento dos tempos de espera para conseguir cita médica en Atención Primaria, con demoras que nalgúns casos superan os 15 días. “Se non hai máis persoal e máis medios, esta situación vaise agravar conforme avance o verán, repetindo o colapso que xa padecemos en anos anteriores”, alertou.

Desde o BNG denunciaron que a falla de reforzos estivais provoca unha reacción en cadea que remata coa saturación do PAC e tamén das urxencias hospitalarias, deteriorando a atención sanitaria que reciben as viguesas e os vigueses.

Igrexas cualificou de “especialmente preocupante” a situación da atención pediátrica, sobre todo nos centros de saúde das parroquias, e reclamou á Xunta que deixe de castigar as crianzas da cidade. “Aínda que no Partido Popular de Alfonso Rueda e LuísaSánchez non parezan entendelo, as nenas e nenos precisan e merecen atención médica especializada todo o ano”, enfatizou.

O portavoz municipal nacionalista tamén puxo o foco nas consecuencias da saturación sanitaria sobre as persoas maiores e aquelas que padecen doenzas crónicas. “Non poden ver reducido nin precarizado o seguimento das súas patoloxías por culpa da falla de medios e dos recortes impostos pola Xunta”, esixiu.

“A enfermidade non colle vacacións e o dereito á saúde tampouco”, reivindicou Igrexas, quen acusou ao Partido Popular de manter “unha nefasta política sanitaria de recortes e privatizacións” que está a “castigar de maneira continuada” a cidade de Vigo.

Neste contexto, o BNG puxo como exemplo a recente apertura do novo CIS Olimpia Valencia “sen apenas novas contratacións”, denunciando que o Sergas optou por desprazar persoal doutros centros sanitarios en lugar de incrementar os recursos dispoñíbeis. “Despois da estafa do novo CIS Olimpia Valencia, esiximos máis persoal para blindar unha Atención Primaria que é a columna vertebral do sistema público de saúde”, remachou Igrexas.

0.34175300598145