O BNG de Vigo esixe o cesamento inmediato de Patricia Rodríguez Calviño tras a súa imputación

O voceiro nacionalista sostén que o documento xudicial apunta de forma “contundente” a que o executivo local non adoptou as medidas necesarias en materia de inspección e control
concello-Vigo
8 May 2026

O Bloque Nacionalista Galego de Vigo reclamou o cesamento inmediato da concelleira de Seguridade, Contratación, Festas e Xestión Municipal, Patricia Rodríguez Calviño, despois do auto emitido pola Praza número 3 da Sección de Instrución do Tribunal de Instancia de Vigo que conclúe a instrución da causa aberta pola morte rexistrada no accidente da atracción Saltamontes durante as festas de Matamá en agosto de 2024.

A formación nacionalista considera que a imputación da edil polos presuntos delitos de homicidio imprudente e lesións por imprudencia grave “esixe a súa inmediata saída do Goberno local”. Segundo subliña o BNG, a resolución xudicial atribúe a responsabilidade á falla de actuación municipal para impedir o funcionamento dunha atracción que carecía de autorización.

Os nacionalistas destacan tamén que o auto non imputa nin á Comisión de Festas organizadora, nin ao xefe do Servizo da Área de Seguridade do Concello, nin ao xefe da Policía Local, polo que entenden que a responsabilidade política “sitúase de maneira incontestábel” na dirección do Goberno municipal, ademais da propiedade da propia atracción.

O BNG sostén que o documento xudicial apunta de forma “contundente” a que o executivo local non adoptou as medidas necesarias en materia de inspección e control, o que acabou contribuíndo ao accidente mortal. A este respecto, a formación asegura que leva reclamando explicacións desde o primeiro momento sen obter respostas por parte do Goberno de Abel Caballero.

Segundo denuncian, o executivo municipal tentou inicialmente atribuír responsabilidades á Comisión de Festas e posteriormente derivar a responsabilidade cara á actuación da Policía Local, algo que, indican, quedou reflectido na propia declaración xudicial da concelleira imputada.

A formación nacionalista considera que a gravidade do caso e a negativa reiterada do Goberno local a ofrecer explicacións obrigan ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, a comparecer de maneira urxente no Pleno municipal para dar explicacións á cidadanía.

Ademais, o BNG reiterou a súa demanda de crear unha Comisión Especial de Investigación no Concello de Vigo para depurar responsabilidades tamén desde o punto de vista administrativo, analizar posibles deficiencias nos procedementos municipais e adoptar medidas que eviten que un accidente semellante poida repetirse no futuro.

0.27597522735596