O BNG de Vigo ogra o apoio do Pleno para a fin das peaxes na AP-9 e a anulación da "prórroga ilegal"

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) logrou este luns o apoio do Pleno de Vigo a unha moción para reclamar unha AP-9 galega, pública e gratuíta. A iniciativa nacionalista recolle o compromiso do Concello pola liberación completa de peaxes da autoestrada, demanda ao Goberno galego do PP que deixe de “boicotear” a transferencia da autoestrada a Galiza, e insta ao Goberno central a revisar de oficio e anular a prórroga ilegal de 25 anos na concesión.
O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, afirmou que esta moción “é de xustiza” fronte ao que considerou un “espolio continuado” ás veciñas e veciños de Vigo e Galiza. “A AP-9 naceu como unha navallada ao territorio, como seguen a padecer no barrio de Teis, e acabou por se converter nunha navallada profunda á economía e aos petos da maioría social”, denunciou.
Igrexas puxo en valor a acción do BNG para conseguir as bonificacións nas peaxes e, recentemente, a aprobación da lei de transferencia da titularidade e xestión da AP-9 que cualificou de “fito histórico” tras 20 anos de bloqueo por parte do “bipartidismo centralista”. Afeou nese sentido as “mentiras” do PP para xustificar o seu voto en contra do traspaso a Galiza, xunto con Vox, e acusou ao Goberno de Alfonso Rueda de tentar “boicotear” a transferencia con “escusas e artimañas”.
O portavoz municipal do Bloque desmontou os argumentos do PP para rexeitar a transferencia, subliñando que o acordo aprobado no Congreso ofrece maiores garantías que o texto orixinal do Parlamento galego por incluír unha cláusula que determina que todas as consecuencias, financeiras ou xurídicas, das decisións adoptadas historicamente polo Estado terán que ser asumidas, única e exclusivamente, polo propio Goberno central. Un extremo que tamén figura no informe xurídico elaborado polo Senado.
Dende a fronte nacionalista rexeitaron ademais a emenda formulada polo grupo municipal do PSOE por pretender que se atrase a decisión do Goberno central sobre a prórroga ilegal de 25 anos da concesión, segundo concluíu a Comisión Europea, e malia contar con capacidade legal para actuar antes dunha resolución xudicial.
Así, a moción do Bloque chama a que o Estado revise de oficio e anule a prórroga que estendeu o contrato con Audasa até 2048. “Toca dar o paso decisivo para poñer fin ao calote das peaxes abusivas”, remachou Igrexas.