O BNG de Vigo pedirá a reprobación de Abel Caballero polo caso Saltamontes

O BNG de Vigo levará ao Pleno municipal deste luns unha proposta para reprobar ao alcalde, Abel Caballero, pola súa actuación no denominado caso Saltamontes, relacionado co accidente mortal rexistrado durante as festas de Matamá en agosto de 2024.
A formación nacionalista presentará unha emenda á moción do Partido Popular na que acusa ao rexedor de manter unha "continuada opacidade" sobre o sucedido. Segundo o BNG, o alcalde bloqueou a creación dunha comisión municipal de investigación, non impulsou cambios nos protocolos de seguridade e negouse a asumir responsabilidades políticas polo ocorrido.
O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, sostén que a comparecencia do alcalde xa non é suficiente e lembra que, no último pleno extraordinario solicitado pola oposición, Caballero vetou a súa propia comparecencia. Os nacionalistas consideran que esa decisión vulnerou os mecanismos de control democrático e lembran que recorreron a actuación ante a Valedora do Pobo.
Entre os argumentos da proposta de reprobación, o BNG destaca tamén que a concelleira de Seguridade, Patricia Rodríguez Calviño, continúa no cargo a pesar da súa imputación xudicial por un presunto delito de homicidio imprudente relacionado coa investigación do accidente.
A formación nacionalista considera que, tras case dous anos desde os feitos, a cidadanía segue sen obter explicacións suficientes e defende que o Pleno debe expresar un "rotundo reproche democrático" á actuación do alcalde.