O BNG de Vigo propón unha estratexia para converter a cidade nun referente galego da cultura e o deporte urbanos

A formación nacionalista aposta por mellorar espazos públicos, ofrecer formación e lecer e crear unha programación estable de eventos e competicións durante todo o ano
VIGO bng xabier p igrexas
10 Aug 2026

O BNG de Vigo propón ao Concello a posta en marcha da Estratexia Pulso Urbano, unha iniciativa coa que pretende consolidar a cidade como capital galega da cultura e do deporte urbanos, aproveitando a proxección que xa teñen citas como O Marisquiño.

A proposta busca apoiar o talento e a creatividade da mocidade viguesa e aproveitar os espazos públicos como lugares para a creación, a práctica deportiva e a participación cidadá. O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, resumiu a iniciativa como “unha aposta decidida por impulsar o talento, a creatividade e a enerxía moza da nosa cidade”. Ao mesmo tempo, defendeu que “temos talento, temos creatividade e temos unha identidade urbana moi potente. O que falta é unha política pública que o acompañe e potencie”.

A Estratexia Pulso Urbano estruturaríase en tres grandes áreas de actuación. A primeira estaría centrada na creación e mellora dunha rede municipal de espazos destinados á práctica deportiva e á creación urbana.

Neste ámbito, o BNG propón acondicionar e ampliar instalacións públicas para disciplinas como skate e BMX, ademais doutras modalidades deportivas urbanas. Tamén formula habilitar espazos municipais destinados ao ensaio e á produción musical, á creación audiovisual, á arte urbana e a outras expresións culturais emerxentes.

A iniciativa incluiría igualmente a recuperación de espazos que actualmente están infrautilizados para poñelos á disposición da creación xuvenil.

O segundo eixo estaría dedicado á formación e ao lecer, mediante a programación de obradoiros e actividades gratuítas ao longo de todo o ano. O obxectivo sería facilitar o acceso da mocidade e do conxunto da cidadanía a estas disciplinas.

Entre as propostas formativas figuran actividades relacionadas co skate, BMX, danza urbana, música, DJ, produción audiovisual e graffiti, así como outras formas de expresión. O BNG contempla contar para o desenvolvemento destas actividades coa colaboración de artistas, colectivos e entidades locais.

O terceiro eixo consistiría na creación dunha axenda estable de exhibicións, competicións, encontros, concertos, intervencións artísticas e actividades nos barrios e parroquias. Segundo a formación nacionalista, esta programación permitiría descentralizar a oferta, converter o espazo público nun lugar de creación e participación e facilitar que o talento local obteña visibilidade e oportunidades.

A proposta tamén contempla apoiar o tecido asociativo e creativo da cidade mediante recursos, espazos e acompañamento ás iniciativas promovidas por colectivos xuvenís, artistas e entidades sen ánimo de lucro. O BNG defende ademais a participación destes colectivos no deseño das diferentes liñas de actuación para garantir o dinamismo da estratexia.

Xabier P. Igrexas considera que Vigo ten potencial para converterse nun referente das culturas urbanas e que esta realidade debe contar cunha resposta desde as políticas públicas.

“O que queremos é facer de Vigo o referente indiscutíbel do movemento urbano en Galiza e no ámbito internacional, facendo cidade e promovendo o talento na rúa”, sinalou o portavoz municipal nacionalista.

A formación considera que a Estratexia Pulso Urbano permitiría pasar dun modelo baseado principalmente na celebración de grandes eventos a unha política estable que combine infraestruturas, formación, apoio á creación e programación ao longo de todo o ano.

“Non queremos que Vigo sexa simplemente a cidade que acolle O Marisquiño durante uns días. Queremos que sexa unha cidade que produza cultura urbana, que xere talento, que dea oportunidades á mocidade e que teña unha pulsación creativa permanente durante todo o ano”, sinala Igrexas.

Para o BNG, esta aposta podería contribuír tamén a dinamizar os barrios e parroquias, favorecer a participación da mocidade e reforzar a capacidade da cidade para atraer e reter talento, ademais de proxectar Vigo como referente das novas expresións culturais e deportivas urbanas.

“Coa Estratexia Pulso Urbano, queremos posicionar Vigo como o referente indiscutíbel do movemento urbano en Galiza e no ámbito internacional, facendo cidade e promovendo o talento na rúa”, concluíu o portavoz municipal nacionalista.

0.27331209182739