O BNG de Vigo reclama a declaración de zona tensionada de vivenda para a cidade olívica

A fronte nacionalista lembra que o Pleno aprobou iniciar a tramitación hai máis de dous anos e advirte de que a inacción do Goberno municipal está a agravar a emerxencia habitacional
cidade-de-vigo
30 Jul 2026

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo volveu reclamar ao Goberno municipal de Abel Caballero que inicie de maneira inmediata a tramitación para declarar Vigo como zona tensionada do mercado da vivenda, coincidindo coa entrada en vigor desta medida en Santiago de Compostela, impulsada polo BNG desde o Goberno municipal na capital galega.

O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, salientou que esta figura xa se aplica tamén na Coruña, baixo un Goberno municipal do PSOE, onde os prezos medios do alugueiro se reduciron preto dun 1% no último ano, mentres que en Vigo aumentaron case un 8% no mesmo período.

"É evidente que outras cidades están actuando mentres Abel Caballero continúa remoloneando e instalándose nunha política de xestos baleiros e de brazos caídos diante do gravísimo problema de acceso á vivenda que sofre Vigo", censurou.

A fronte nacionalista lembrou que foi unha moción do BNG a que permitiu aprobar no Pleno municipal de marzo de 2024 que se iniciasen os trámites para solicitar a declaración de Vigo como zona tensionada do mercado da vivenda.Porén, Igrexas denunciou que, 857 días despois, o Goberno municipal continúa sen executar ese acordo, limitándose unicamente a encargar un estudo que confirmou que a cidade reúne os requisitos legais para acceder a esta declaración.

O BNG subliña que a declaración de zona tensionada non resolverá por si soa a crise da vivenda, pero insiste en que constitúe "o único mecanismo legal existente na actualidade para frear o incremento desbocado dos alugueiros".

Segundo explicou Igrexas, esta medida permitiría conxelar os prezos, ampliar durante tres anos os contratos de alugueiro nas mesmas condicións para as persoas arrendatarias e facilitar un maior acceso de Vigo ás liñas de financiamento previstas no Plan Estatal de Vivenda. "Non é a solución definitiva, pero si unha ferramenta imprescindíbel para protexer as familias e evitar que a especulación continúe expulsando a millares de persoas da cidade", sostivo.

O portavoz nacionalista advertiu de que a situación da vivenda en Vigo continúa deteriorándose de maneira acelerada e xa atinxe niveis “insoportábeis”. Segundo lembrou, o prezo medio dos alugueiros xa supera os 700 euros mensuais, mentres a oferta de alugueiro permanente caeu por baixo das 300 vivendas dispoñíbeis.

Ao mesmo tempo, denunciou que as vivendas de uso turístico xa multiplican por oito as destinadas ao alugueiro residencial, ao que se suma o forte incremento dos alugueiros de tempada."O máis grave é que máis da metade dos pisos que hoxe se anuncian en Vigo para alugar superan os 1.000 euros mensuais”, acrecentou.

Por iso, diante da continuada inacción do Goberno de Abel Caballero e da súa “incomprensíbel” negativa a solicitar a declaración de zona tensionada, Igrexas preguntouse “A que agarda o alcalde? Cantas familias traballadoras máis teñen que abandonar a cidade? Cantas mozas e mozos máis teñen que renunciar ao seu proxecto de vida porque lles resulta imposíbel emanciparse?", preguntou Igrexas.

Para o BNG, a negativa de Caballero a impulsar a declaración de zona tensionada "só beneficia a especulación inmobiliaria" e priva ás viguesas e aos vigueses dunha ferramenta necesaria para defender o seu dereito á vivenda.

"Non hai escusas. O Concello de Vigo ten que iniciar a tramitación hoxe mesmo. Cada día de inacción agrava a emerxencia habitacional e acaba por beneficiar a especulación inmobiliaria, privando as viguesas e vigueses do seu primeiro dereito que é o de poder habitar a súa propia cidade”, remachou.

0.33090806007385