O BNG de Vigo reclama á Xunta e ao Concello máis recursos para combater a violencia machista

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo reclamará no Pleno municipal do vindeiro luns que a Xunta de Galiza e o Concello reforcen os recursos destinados á prevención da violencia machista e á atención das mulleres vítimas. A concelleira nacionalista Ana Martínez defenderá unha moción con medidas concretas para actualizar as axudas económicas, reforzar os servizos públicos de protección e ampliar os recursos municipais de información e acompañamento.
A iniciativa chega despois das mobilizacións do pasado 25 de novembro, nas que miles de persoas saíron ás rúas galegas para reclamar o fin da violencia contra as mulleres. Martínez advirte de que "o machismo mata" e chama a non permitir retrocesos nos dereitos conquistados pola loita feminista. "Non podemos consentir mensaxes retrógradas que queren ás mulleres de volta na casa, submisas e caladas", afirma.
A concelleira do BNG denuncia as políticas do Goberno galego en materia de igualdade e atención ás vítimas, sinalando a eliminación da Secretaría Xeral de Igualdade, os recortes nas axudas económicas e a exclusión das mulleres migrantes en situación administrativa irregular do acceso a esas prestacións. Martínez critica tamén a privatización dos servizos de apoio e protección ás vítimas.
A moción das nacionalistas reclama á Xunta que actualice as axudas económicas ás mulleres vítimas de violencia machista segundo a evolución do IPC, abandone os recortes e as privatizacións dos servizos de atención, reforce os centros de información á muller e garanta a atención psicolóxica na atención primaria.
Dous novos CIM en Vigo
No ámbito municipal, o BNG reclama incrementar os recursos destinados ás campañas de sensibilización contra a violencia machista e aumentar as partidas de apoio ás mulleres vítimas.
A iniciativa propón tamén dotar Vigo de dous novos centros de información á muller, ao considerar insuficiente a rede actual. Martínez cuestiona que unha cidade de arredor de 300 mil habitantes conte cun único centro, con instalacións reducidas e pouco persoal, para atender as necesidades das mulleres. A fronte nacionalista considera necesario ampliar e descentralizar estes servizos para garantir unha atención próxima e accesíbel.
A moción esixe igualmente que o Goberno municipal faga realidade o anunciado plan para a abolición da prostitución. Neste sentido, a edil do Bloque denuncia que esta iniciativa continúa sen dotación orzamentaria, tanto nas contas de 2026 como na proposta de orzamentos para 2027.
Martínez defende que a loita contra a violencia machista debe traducirse en decisións políticas e recursos efectivos por parte das administracións. "Desde o BNG sabemos que a loita nas rúas ten que trasladarse ás administracións porque son estas as que poden tomar decisións que supoñan un cambio real na vida das mulleres", sinala.
A concelleira conclúe que a resposta institucional non pode quedar limitada ás declaracións e ás campañas simbólicas: "No BNG sabemos que a loita contra a violencia machista non pode ficar reducida a lemas ou a cartaces reivindicativos. Acabar coa violencia machista require políticas decididas e require orzamentos e iso é o que reclamamos nesta moción".