O BNG de Vigo reclama datos verificados sobre as fugas da rede de abastecemento e pide cooperación ante a seca

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo reclamou ao Concello e á Xunta de Galicia que abandonen a confrontación política arredor da situación de seca e cooperen para garantir o subministro de auga potable á cidade e á súa área. A fronte nacionalista considera necesario contar con información contrastada sobre o estado da rede de abastecemento e adoptar medidas preventivas ante o atraso cíclico das choivas.
O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, asegurou que «a auga non pode ser unha arma arreboladiza na permanente lea partidista entre PP e PSOE» e reclamou «rigor, responsabilidade e medidas preventivas» para facer fronte á situación.
Neste sentido, o grupo municipal nacionalista anunciou que solicitará formalmente acceso a todos os informes técnicos dos que dispoña o Concello sobre o nivel de fugas na rede de abastecemento. Para o BNG, coñecer con precisión as perdas resulta fundamental para avaliar a situación e determinar posibles medidas de aforro e eficiencia.
Igrexas reclamou que o debate se basee en datos concretos e verificados e non nas declaracións cruzadas entre as distintas administracións. «Fronte as declaracións cruzadas duns e doutros demandamos datos concretos e verificados», sinalou.
O BNG tamén pedirá as actas das reunións celebradas polo Comité de Seguimento da Seca, constituído o pasado 7 de xullo segundo anunciou o alcalde de Vigo. A formación pretende coñecer que medidas foron analizadas e acordadas neste órgano, así como comprobar cal foi a súa aplicación efectiva.
Outro dos asuntos sobre os que os nacionalistas solicitarán información é a situación dos grandes consumidores de auga. O BNG quere saber se o Concello enviou comunicacións ás industrias e actividades económicas con elevados consumos para solicitarlles unha redución dos usos intensivos da auga.
Igrexas lembrou que este tipo de medidas xa se adoptaron en agosto de 2022, cando o encoro de Eiras se atopaba vinte puntos por riba da súa capacidade actual, e tamén en outubro do pasado ano.
Desde o BNG consideran que a prioridade debe ser anticiparse ás dificultades e garantir o abastecemento, especialmente ante o atraso das choivas que se repite de maneira cíclica. «O que precisan as viguesas e vigueses é rigor, responsabilidade e medidas preventivas ante o atraso cíclico das choivas, non máis trincheiras nin propaganda electoralista», afirmou o portavoz municipal.
A formación nacionalista insiste así na necesidade de que Concello e Xunta deixen atrás as acusacións cruzadas e establezan vías de colaboración para afrontar a situación. «Menos polémicas arredor do problema e máis xestión para ofrecer solucións», reclamou Igrexas.