O BNG de Vigo rexistra un recurso de reposición en solitario pedindo a comparencia de Caballero polo accidente do Saltamontes

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) lanza un ultimato ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, para que "dea a cara" no Pleno extraordinario polo accidente do Saltamontes convocado para o vindeiro 19 de xuño. A fronte nacionalista vén de rexistrar este mércores un recurso de reposición en solitario, ante a negativa do PP, para que o rexedor rectifique o seu “veto ilegal” a comparecer na sesión.
“Este recurso é a derradeira oportunidade que lle damos a Abel Caballero para que rectifique unha decisión arbitraria e contraria a dereito, que se basea na idea desquiciada de que é o grupo de goberno coa súa maioría quen decide se debe comparecer ou non diante do Pleno”, defende o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, alegando vulneración de dereitos da oposición por impedir que o Pleno poida exercer a súa función de control e fiscalización.
O recurso formulado expón unha ampla fundamentación normativa e xurídica que, a xuízo do Bloque, demostra como a exclusión da comparecencia do alcalde da orde do día da sesión plenaria constitúe un “flagrante desvío de poder e unha fraude de lei”. Igrexas cualificou esta decisión do rexedor de “exercicio de pura e dura autocracia” por pretender “limitar ilegalmente un mecanismo de garantía institucional”.
O portavoz nacionalista tachou de “delirantes” as xustificacións expostas nos últimos días polo Goberno local, a través do seu voceiro Carlos López Font, invocando artigos do regulamento do Pleno relativos ás sesións ordinarias ou aludindo á normativa do Parlamento de Galiza. “Só evidencian o nivel de desesperación do Goberno municipal para evitar que Abel Caballero poida dar a cara dunha vez por todas”, afirmou.
Dende o BNG insistiron en que o alcalde debe dar explicacións sobre a xestión do accidente do Saltamontes, no que perdeu a vida un veciño nunha atracción que estaba en funcionamento malia non ter autorización municipal. E tamén sobre a “situación insostíbel” de manter á concelleira de Seguridade, Patricia Rodríguez Calviño, tras a súa imputación xudicial por un delito de homicidio imprudente.
Igrexas afirmou que a principal motivación do BNG para promover o Pleno extraordinario co resto da oposición era forzar as explicacións do alcalde, despois do auto xudicial que sinala que a edil imputada non exerceu debidamente as súas competencias en materia de seguridade. “Mutilar esa sesión, eliminando da orde do día a comparecencia de Caballero, é unha inaceptábel tomadura de pelo ás viguesas e os vigueses”, subliñou.
Para o portavoz municipal do Bloque un rexedor que se nega a comparecer “é indigno de ser alcalde”. Esixiu nese sentido que a responsabilidade política se demostre con feitos e explicacións, e lembrou que “unha maioría absoluta non se pode traducir en impunidade”.
A fronte nacionalista rexistrou o recurso de reposición en solitario após a negativo do PP a facelo de forma conxunta. “Non coñecemos os motivos nin comprendemos a que se debe esa decisión, pero o BNG vamos a dar a batalla até o final para que o Pleno do Saltamontes non sexa unha pantomima”, afirmou Igrexas. “Para que non sexa unha nova sesión inútil onde todo quede sepultado polo rodete absolutista de Caballero, sen dar a cara, sen dar explicacións e sen someterse as preguntas da oposición”, engadiu.
O Bloque volveu advertir o alcalde que se reserva todas as accións a nivel xurídico ou de amparo que procedan en caso de que non rectifique o seu veto. “Non imos consentir este novo atropelo á democracia por parte dun alcalde erixido en emperador, e mesmo para esixir as responsabilidades que deste acto ilegal se deriven”, defendeu o portavoz municipal nacionalista, avisando de que “en democracia non todo vale, e prevaricar para vulnerar dereitos fundamentais non pode saír gratis”